“Alcoa non se fecha”, reivindican na Mariña no último día das negociacións

O persoal da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo) volveu manifestarse para demandar a continuidade da factoría en Cervo, a poucas horas de que expire o prazo dado pola multinacional para explorar a venda da fábrica ou iniciar un ERE extintivo que afectaría máis de 1.000 traballadoras e traballadores do complexo industrial, contando tamén o persoal das auxiliares. 
 
Mobilización na Mariña este domingo 27 de setembro (Imaxe: @anaermida)
photo_camera Mobilización na Mariña este domingo 27 de setembro (Imaxe: @anaermida)

Traballadoras e traballadores da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo) volveron manifestarse para exixir a continuidade da factoría, cando quedan escasas horas para que este domingo, 27 de setembro, expire o prazo dado pola multinacional para explorar a venda da fábrica ou iniciar un ERE extintivo que afectaría máis de 1.000 traballadoras e traballadores do complexo industrial, contando tamén o persoal das auxiliares.

Tras protagonizar un feche de 24 horas nos concellos de Cervo e Viveiro apoiados polos rexedores de ambos os consistorios, os traballadores, ataviados co seu uniforme e xunto a veciñanza e representantes políticos, saíron da estación de ferrocarril de Xove para demandar unha solución que evite o feche da factoría. Olalla Rodil e Daniel Castro, parlamentares do BNG na Cámara galega, así como Néstor Rego, deputado do Bloque no Congreso, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, tomaren parte da mobilización.

Da estación en que cargan as placas da fábrica da comarca mariñá partiu pois a marcha, que finalizou na praza do Concello de Xove.

A manifestación estivo presidida por un camión que, como se se tratase dunha comitiva fúnebre, portaba coroas de flores que representan o 'funeral' da economía da zona e toda a Galiza.

Esta acción prodúcese a poucas horas de que, na medianoite deste domingo 27 de setembro, finalice o período de consultas para a venda da factoría, na que está interesada a multinacional Liberty.

As e os traballadores están convocados a participar na mañá desta segunda feira na mesa negociadora con Alcoa que, nun principio, quería realizar este encontro en Madrid. Finalmente será no Pazo de Cea do municipio de Nigrán a partir das 12,00 horas.

Comentarios