Suspendida a folga no transporte á espera da votación das asembleas

CCOO e UXT asinan un preacordo coa patronal, a CIG desmárcase.
Autobuses de Monbus na estación de Santiago de Compostela. (Foto: Arias)
Autobuses de Monbus na estación de Santiago de Compostela. (Foto: Arias)

A folga indefinida prevista esta terza feira, 3 de febreiro, no transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada no ámbito da Coruña, quedou suspendida tras alcanzarse un preacordo entre a patronal e os sindicatos UXT e CCOO, un pacto que non asinará a CIG.

Así o informaron fontes da central sindical nacionalista cuestionadas sobre se a folga se desconvoca, ao que concretaron que está será suspendida á espera de que leven a cabo as asembleas de traballadores e traballadoras que terán que decidir se están conformes ou non co preacordo e se o aproban para ratificar a desconvocatoria das protestas anunciadas.

Trátase dun preacordo que non asinará a CIG, avanzaron desde o sindicato, e que se produce no marco da mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, con presenza dos sindicatos convocantes dos paros que se rexistraron nos últimos meses (a CIG, CCOO e UXT) e da patronal. Agora a desconvocatoria desta folga indefinida queda á espera de que se concreten as datas na que decorrerán as asembleas do persoal e o que se acorde nas mesmas.

Isto despois de que as centrais sindicais acordasen atrasar o inicio da folga indefinida previsto para esta segunda feira co obxectivo de facilitar a continuidade das negociacións e chegar a un acordo para un "convenio digno".

Na reunión do sábado, a patronal, segundo a parte sindical, trasladou unha proposta en materia salarial e unha redución da xornada de 16 horas, aínda que non foi suficiente para chegar a un acordo por ambas as partes. Na xuntanza, e como condición para seguir negociando, a patronal solicitou a suspensión da folga esta segunda feira.

Ademais, a CIG tamén reclamou a retirada dos expedientes disciplinarios abertos por Monbus contra traballadoras e traballadores ao entender que se trata dunha medida coercitiva contra o exercicio do dereito fundamental do persoal á folga.

O responsábel de Transportes da CIG, Ernesto López Rei, denunciou que o empresariado non entrou esta segunda feira a negociar o plus de nocturnidade, a mellora das coberturas nas situacións de incapacidade temporal, a ampliación dos permisos e licenzas, as condicións do persoal acompañante do transporte escolar, nin deron garantías de acceso á xubilación parcial mediante o contrato relevo. Ao non cumprir o acordo estas reivindicacións, a central non asinou.

Fronte a isto, Iván Cancela, de UXT Transportes, indicou que "o paquete global supera as expectativas" en relación aos acordos alcanzados. Entre eles, citou a suba salarial anual prevista, o recoñecemento dos festivos con bonificación dos mesmos ou que a xornada continua se inclúa no convenio. "Hai un aumento dos asuntos propios", citou Cancela.

Comentarios