Adiado o inicio da folga indefinida no transporte, que podería principiar esta terza feira

As centrais sindicais acordaron a medida co obxectivo e facilitar a continuidade das negociacións e chegar a un acordo de convenio digno.
Mobilización do transporte por estrada a pasada semana. (Foto: Nós Diario)
Mobilización do transporte por estrada a pasada semana. (Foto: Nós Diario)

As centrais sindicais (CIG, CCOO e UXT) acordaron adiar o inicio da folga indefinida no transporte de viaxeiros por estradas da provincia da Coruña previsto para esta segunda feira, co obxectivo de facilitar a continuidade das negociacións e chegar a un acordo de convenio digno. A CIG advirtou que este será o único aprazamento do paro xeral que acepte polo que, de non producírense os avances esperados na xornada desta segunda feira, a folga comezará sen máis dilación na terza feira 3 de febreiro.

Na reunión deste sábado, que rematou sobre ás 19h, a patronal trasladou unha proposta “que sabe que non pode ser a derradeira, porque en materia salarial non avanza nada, pero coa que o empresariado pretende alongar os prazos do conflito”. Así resumía o responsábel de Transportes da CIG, Ernesto López Rei, o encontro da mediación que tivo lugar en Santiago.

Sobre o resto das materias, explicou que a patronal propuxo unha redución da xornada  de 16 horas que cualificou de “moi cativa” por non responder ás reivindicacións do persoal e uns prazos para a elaboracións dos cadrantes insuficientes. Considerou especialmente "perigosa e lesiva" a proposta da patronal sobre a xornada continuada baseada en “quitar a dieta de banda horaria a cambio de sete euros ao día”. Unha cuestión que, subliñou, a CIG non aceptará "de ningunha maneira".

Como contrapartida á esta oferta e para poder seguir negociando, a patronal pediu a suspensión da folga durante a xornada desta segunda feira. “Xa advertimos que esta será a única suspensión que exista, ou hai un acordo esta segunda  a terza feira comeza a folga indefinida, pero a patronal que non conte con seguir dilatando a negociación”, aseverou.

A CIG tamén reclamou a retirada dos expedientes disciplinarios abertos por Monbús contra traballadores e traballadoras ao entender que se trata dunha medida "coercitiva contra o exercicio do dereito fundamental á folga".

CCOO denunciou que a patronal do transporte recorre a ofertas "de manual", as cales consideran que “non responden ás reivindicacións esenciais do persoal”, especialmente no relativo á recuperación do poder adquisitivo e á redución de xornada, aspectos que o sindicato considera “irrenunciábeis” para garantir a viabilidade do sector e a seguridade das usuarias e usuarios.  

Comentarios