Suso Bermello toma o relevo de Louzao ao fronte da secretaría nacional da CIG ensino
Bermello dixo do secretario nacional saínte, Anxo Louzao, que é "unha referencia dentro de fóra do sindicato e deíxanos o seu maxisterio, o seu traballo infinito e o seu compromiso inquebrantábel". O novo líder da CIGEnsino defendeu que perante as políticas antipopulares e antigalegas do PP a única resposta pasa por apoiar o sindicalismo transformador que representa a central nacionalista.
Cambio de garda na CIG ensino após os 16 anos de xestión de Anxo Louzao. O novo secretario nacional é Suso Bermello e foi eleito este sábado polo VII Congreso da federación nacionalista con 144 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Canda el foi eleita a nova Executiva Federal -tamén co mesmo respaldo-, composta polos seguintes nomes: 1.-Suso Bermello; 2. Marta Ferreiro; 3. Xesús Fernández; 4. Ana Rodiño; 5. Xesús Diz; 6. María Xosé Rodríguez; 7. Diego Boquete; 8. Xosé M. Nogueira; 9. Laura Arrojo; 10. Xosé Anxo Terán; 11. Henrique García; e 12. Teresa Carballido.
A nova dirección da CIG Ensino renova deste xeito 40 por cento da súa dirección nun congreso que respaldou o balanzo de xestión da equipa de Louzao e debuxou os desafíos de futuro do sindicato actualmente maioritario no ensino galego.
Na súa intervención perante o Congreso -precedida da do secretario nacional saínte, Anxo Louzao; e da do secretario xeral da CIG, Paulo Carril-, Bermello validou a análise da CIG sobre a evolución do capitalismo e as consecuencias que dela decorren para as condicións de vida da clase traballadora e nese sentido denunciou que o capital aproveitara a crise "non como catarse", mais como "purga dos direitos conquistados ao longo de décadas".
Na Galiza a CIG Ensino continuará a confrontar, arengou Bermello, cun goberno da Xunta que na práctica é un "vasalo de baixo rango", sen "capacidade nen interese polo autogoberno", un executivo "disciplinado e obediente en todo o seu desgoberno e por suposto tamén no ámbito educativo".
Atacou duramente as políticas educativas do PP, das que dixo que responden a "uns principios ideolóxicos incuestionábeis" e que caracterizou como os propios dun "ensino confesional, antidemocrático, segregador, españolizador, recentralizador das competencias ou privatizador"; políticas que teñen resultado en sensíbeis cortes no investimento no ensino público mentres, en contraste, se favorece o privado.
Un Pacto Social para amarrar a LOMCE
Alertou aínda contra o chamado Pacto Social pola Educación co que se perseguiría, sob o seu ponto de vista, que a LOMCE fique "ben amarrada" e nese sentido anunciou que "aínda fica moito por pelexar". As agresións da Xunta á lingua galega -Bermello falou abertamente de "galegofobia acentuada"- visan "camiñar cara á residualidade do noso idioma", polo que chamou a intensificar o activismo porque, argumentou, só desde a mobilización social se pode "facermos fronte ao batallón político e mediático contra a lingua galega".
Liñas de traballo
CIG Ensino debe camiñar tamén cara un maior reforzamento da súa estrutura de delegadas e delegados, ben como debe incidir tamén na formación de novos cadros sindicais, remarcou Bermello no seu discurso de clausura do VI Congreso, ao que puxo o ramo o canto do Himno Galego.
Nota: As fotos que van no meio do texto, todas da autoría de CIG Ensino, son (1). Intervención do secretario nacional saínte, Anxo Louzao; (2). Aspecto xeral do congreso durante a intervención de Suso Bermello.