Anxo Louzao

“Non estiven aquí para que me pasasen a man polo lombo”

Anxo Louzao

Este sábado CIG-Ensino realiza en Compostela o seu VII Congreso. Unha cita no que se renovará 40% da Executiva da federación e na que Anxo Louzao porá o ramo a 16 anos como secretario nacional, pasando o relevo a Suso Bermello. Louzao deixa o cargo mais non o compromiso e pulso militante. “Estamos nun período de involución, nun período letal para o ensino galego, e iso hai que combatelo”, afirma.

-Este sábado deixas a secretaría nacional da CIG-Ensino após 16 anos, un período de tempo abondo amplo como para facer complicado intentar resumilo en poucas liñas. Mais, mirando eses 16 anos, que valoración fas?

 

-Pódese facer unha valoración dese período desde moitas perspectivas. Por exemplo, desde o ámbito da propia organización, CIG-Ensino, creo que foi moi positiva, consolidamos e agrandamos este proxecto sindical de contrapoder. Fomos quen de situármonos como primeiro sindicato do ensino público en Galiza, aumentando representación en cada cita electoral. Iso axuda a ter unha aposta reivindicativa, transformadora. Ademais, logramos unha base de afiliación que nestes momentos é maior que todo o resto de organizacións actuantes no ensino en Galiza. Iso é a credencial máis potente que temos de que somos un sindicato referente na defensa do ensino galego, do profesorado.

 

Que unha organización como a nosa, de combate permanente, sen renunciar nin un ápice ao que son os seus principios; chegue a este nivel de representatividade e a ter unha base de afiliación tan importante; é moi positivo.

-Ademais da sindical, falabas doutras perspectivas...

 

-Estes foron anos nefastos para o ensino na Galiza. Certo é que houbo unha paréntese, cando gobernou o nacionalismo co progresismo malia que tamén houbo conflitos e a CIG impulsou mobilizacións, lográndose conquistas laborais e no ensino. Mais coa ‘Era Feijóo’ padecemos unha involución total en todo o eido educativo, desde a persecución do noso idioma e a españolización até a falla dun proxecto educativo galego. A única política do goberno galego é a vasalaxe a Madrid. Esa e apostar en modelos privatizadores e neoliberais no ensino ao tempo que amosar unha total desconsideración polo profesorado. Foron, pois, anos de involución, de desmantelamento do ensino público, de recortes de dereitos, de marxinación do galego, de recortes en orzamentos... Todo iso sitúanos cada vez máis lonxe dese principio que é o de igualdade de oportunidades e sitúanos cada vez máis afastados dun ensino como servizo público que minore a fenda social.

 

-Estamos hoxe máis lonxe dun verdadeiro ensino público en Galiza do que poderiamos estar hai 16 anos, cando accediches á secretaría nacional?

 

-Sen dúbida. O propio marco do Estado non mudou nestes anos, mesmo houbo novos retrocesos, como coa Lomce, procurando un ensino centralizado, españolizador e privatizado. A isto engadimos un goberno, o de Feijóo, que nestes anos supuxo un retroceso en todos os parámetros. En termos de concepción do que debe ser un ensino público, galego, democrático; hoxe non estamos nin moito menos en mellor momento que daquela. Se falamos do profesorado, estes anos foron moi duros: os nosos salarios son 18% menos que hai 6 ou 7 ano; empeoráronse as nosas condicións de traballo... De centrármonos no galego, estamos moito peor que daquela. O ‘decreto de plurilingüismo’ supuxo un retroceso enorme para o noso idioma.

 

Calquera parámetro que collamos indica que estamos nun período de involución, nun período letal para o ensino público. O PP aposta de maneira descarada no privado, de aí que acabe de comprometer máis de 1.500 millóns de euros para os vindeiros seis anos para o privado concertado.

 

Necesitamos un cambio radical e precisamos un marco xurídico-político que nos respecte como país para poder ter así un ensino propiamente galego.

 

-Neste VII Congreso vaise renovar 40% da Executiva. Unha renovación para coller pulo para novos retos e etapas?

 

-Na CIG-Ensino hai renovacións permanentemente. As que estamos aí somos persoas que temos o noso traballo, o noso destino, e hai persoas que teñen vontade de se incorporar á vontade diaria do ensino. Hai persoas de grande valía e que sería importante que continuasen, mais que optan por recuperar o seu traballo como docente. Por outra banda, esta renovación non supón unha ruptura, nin moito menos. A sorte de ter un equipo de traballo moi amplo é que hai moita xente da que se botar man para asumir responsabilidades. Todas elas son persoas que nestes anos amosaron a súa capacidade de traballo e o seu compromiso. Temos a certeza de que o van facer de marabilla. Somos unha organización moi cohesionada  e coherente. Iso o profesorado sábeo e venos como referente. Aquí cando hai un conflito persoal ou colectivo, cando se alcanzan as situacións máis extremas, até persoas que están noutra organización sindical acoden a nós.

 

-Sentiuse cómodo Anxo Louzao nesa imaxe que como de unha especie de ‘besta negra’ se lle adxudicou nestes anos por parte da Consellaría?

 

-(Ri)Home, pois até diría que si. Somos un sindicato de contrapoder, non do sistema, combatemos a política educativa que se nos aplica por este goberno galego. Estamos para facer esa función, non estamos para que desde o poder nos dean louvanzas. Non estiven aquí para que me pasasen a man polo lombo. Todo o contrario.

 

A falta dun modelo educativo galego, os ataques ao ensino, ao profesorado, ao noso idioma...é obvio que iso ao PP e ao poder non lle gusta. Se por nos enfrontar a iso eles vennos como ‘bestas negras’, pois perfecto. E, bon, algo hai: creo que somos a organización no ámbito educativo que máis condiciona a política do PP neste eido. Outra cuestión é que gostariamos de que a condicionásemos moito máis, pero tamén é certo que estamos seguros que o PP gostaría de que tivésemos menos forza e representación.

 

-Nestes 16 anos de secretario nacional, de que estás especialmente satisfeito? E, por outra parte, que consideras que ficou sen facer?

 

-Isto é un proxecto colectivo, polo que todo o que se conseguiu é produto do traballo, compromiso e entrega de moitos. Estou satisfeito de achegar o grao de area para consolidar esta ferramenta imprescindíbel para o ensino público de Galiza. Unha ferramenta que se asentou e foi agrandando. Unha organización sindical que é útil e necesaria para o profesorado galego e para o ensino. E iso dá azos para continuar e para avanzar, por riba de frustracións, impotencias ou barreiras que nos poñan.

 

-E algo que non se foi quen nestes anos de facer?

 

-Tamén hai, claro. Nestes anos houbo e hai situacións de impotencia. Ver que tes en fronte un goberno que é incapaz de actuar como goberno galego, que non é quen de apostar nun sistema educativo galego, pois é duro. Houbo moitas cousas nestes anos que gostariamos de ter conseguido mais non foi posíbel. Mais non por iso baixamos os brazos.

A ilustración é de Xoán Andrade