144 votos a favor, ningún en contra, ningunha abstención

Suso Bermello toma o relevo de Louzao ao fronte da secretaría nacional da CIG ensino

Bermello dixo do secretario nacional saínte, Anxo Louzao, que é "unha referencia dentro de fóra do sindicato e deíxanos o seu maxisterio, o seu traballo infinito e o seu compromiso inquebrantábel". O novo líder da CIGEnsino defendeu que perante as políticas antipopulares e antigalegas do PP a única resposta pasa por apoiar o sindicalismo transformador que representa a central nacionalista.

IMG-20170617-WA0022
photo_camera Suso Bermello, durante o seu discurso

Cambio de garda na CIG ensino após os 16 anos de xestión de Anxo Louzao. O novo secretario nacional é Suso Bermello e foi eleito este sábado polo VII Congreso da federación nacionalista con 144 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Canda el foi eleita a nova Executiva Federal -tamén co mesmo respaldo-, composta polos seguintes nomes: 1.-Suso Bermello; 2. Marta Ferreiro; 3. Xesús Fernández; 4. Ana Rodiño; 5. Xesús Diz; 6. María Xosé Rodríguez; 7. Diego Boquete; 8. Xosé M. Nogueira; 9. Laura Arrojo; 10. Xosé Anxo Terán; 11. Henrique García; e 12. Teresa Carballido.

A nova dirección da CIG Ensino renova deste xeito 40 por cento da súa dirección nun congreso que respaldou o balanzo de xestión da equipa de Louzao e debuxou os desafíos de futuro do sindicato actualmente maioritario no ensino galego.

Na súa intervención perante o Congreso -precedida da do secretario nacional saínte, Anxo Louzao; e da do secretario xeral da CIG, Paulo Carril-, Bermello validou a análise da CIG sobre a evolución do capitalismo e as consecuencias que dela decorren para as condicións de vida da clase traballadora e nese sentido denunciou que o capital aproveitara a crise "non como catarse", mais como "purga dos direitos conquistados ao longo de décadas".

IMG-20170617-WA0021Alertou tamén sobre como o capitalismo emprega o "recurso do medo" para alimentar a desmobilización social, nun exercicio perfeitamente planificado que visa "a suplantación da contestación social polo veredicto das urnas, como se algunha vez na historia as clases populares avanzasen sen mobilizarse".

Na Galiza a CIG Ensino continuará a confrontar, arengou Bermello, cun goberno da Xunta que na práctica é un "vasalo de baixo rango", sen "capacidade nen interese polo autogoberno", un executivo "disciplinado e obediente en todo o seu desgoberno e por suposto tamén no ámbito educativo".

Atacou duramente as políticas educativas do PP, das que dixo que responden a "uns principios ideolóxicos incuestionábeis" e que caracterizou como os propios dun "ensino confesional, antidemocrático, segregador, españolizador, recentralizador das competencias ou privatizador"; políticas que teñen resultado en sensíbeis cortes no investimento no ensino público mentres, en contraste, se favorece o privado.

Un Pacto Social para amarrar a LOMCE

Alertou aínda contra o chamado Pacto Social pola Educación co que se perseguiría, sob o seu ponto de vista, que a LOMCE fique "ben amarrada" e nese sentido anunciou que "aínda fica moito por pelexar". As agresións da Xunta á lingua galega  -Bermello falou abertamente de "galegofobia acentuada"- visan "camiñar cara á residualidade do noso idioma", polo que chamou a intensificar o activismo porque, argumentou, só desde a mobilización social se pode "facermos fronte ao batallón político e mediático contra a lingua galega".

Liñas de traballo

IMG-20170617-WA0023Debuxou tamén someramente os vectores que deben soerguer o traballo de CiG Ensino nos próximos anos e a este respeito marcou como obxectivos prioritarios manter o combate contra a LOMCE "e contra os intentos de a maquillar"; a defensa da galeguización do ensino na dirección de superar o decreto do plurilingüismo, e a reveresión dos cortes producidos polo PP nos direitos sociais, laborais e salariais do profesorado.

CIG Ensino debe camiñar tamén cara un maior reforzamento da súa estrutura de delegadas e delegados, ben como debe incidir tamén na formación de novos cadros sindicais, remarcou Bermello no seu discurso de clausura do VI Congreso, ao que puxo o ramo o canto do Himno Galego.

Nota: As fotos que van no meio do texto, todas da autoría de CIG Ensino, son (1). Intervención do secretario nacional saínte, Anxo Louzao; (2). Aspecto xeral do congreso durante a intervención de Suso Bermello.

Comentarios