Os sindicatos sacan á luz as denuncias de acoso laboral e sexual nas firmas galegas

Os diferentes plans de igualdade non conseguiron facer remitir os casos de acoso sexual e laboral nas empresas. É recente o caso ocorrido en El Corte Inglés, pendente aínda de novo xuízo, cando esta semana terá lugar outro contra Nova Pescanova. As forzas  sindicais están dispostas a difundir as denuncias como medida de prevención para tentar frear os casos. 
O secretario comarcal da Fgamt-CIG, Suso García, e a responsábel de Igualdade da central, Ester Mariño, na rolda de prensa (Nós Diario).
photo_camera O secretario comarcal da Fgamt-CIG, Suso García, e a responsábel de Igualdade da central, Ester Mariño. (Foto: Nós Diario).

A situación de indefensión das mulleres nos seus centros de traballo fronte a casos de acoso laboral e sexual segue a medrar coa pandemia, segundo denuncian as centrais sindicais CIG e CCOO. 

A CIG leva meses cun expediente contra a dirección de Nova Pescanova polo que consideran "complicidade activa" nun caso de abuso sexual, por parte dun mando intermedio, a unha traballadora do seu Centro Industrial do Porriño, mais tamén por "crear coa súa actitude un caldo de cultivo para que este tipo de comportamentos queden impunes dentro da empresa". Segundo denuncian desde a central, a compañía incumpriu o protocolo de actuación en materia de acoso, cambiou a empregada de quenda de traballo, en contra da súa vontade, e chegou a sancionala por supostamente ter dificultado a investigación interna. Esta terza feira explicaron en rolda de prensa a situación que está vivindo a operaria antes do xuízo, que terá lugar o 20 de maio, no Xulgado do Social número 5 de Vigo

Ester Mariño, técnica de igualdade da CIG, explica que por este motivo non só queren tramitar a denuncia senón tamén facelo público a modo de exemplo diante doutras empresas "que dan a imaxe de protección e solidariedade coa loita feminista para despois ter nelas situacións de acoso que rematan cunha sanción para a muller que denuncia".  

O presunto acosador presentou unha denuncia

O caso saltou aos medios de comunicación cando a CIG realizou unha rolda de prensa o pasado 26 de novembro para explicar como unha traballadora de Nova Pescanova denunciara acoso sexual e laboral contra un superior. "A empresa reacciona vulnerando a súa identidade e os seus dereitos de protección, mudándoa de quenda ante calquera queixa, mandan un correo electrónico co nome da traballadora que denunciaba mais non co nome do denunciado, e moitos máis despropósitos", asegura Mariño. 

O último xiro de situación foi, relata a sindicalista, "a petición dun acto de conciliación previo a unha querela criminal por parte de F.J.L.I. na que se nos acusa dun delito de calumnias e inxurias graves e solicita 30.000 euros para as persoas que participamos nesa rolda de prensa". A central nacionalista cre que se está a boicotear calquera reacción diante a violencia de xénero nas empresas. Mariño explica que recentemente foi condenado un panadeiro por unha agresión sexual no traballo "e a muller trasladounos que está a ser para ela un auténtico calvario, un ano sometida a xuízo social mentres o home segue vendendo pan".

Máis común nas empresas pequenas

"Aínda queda moito por facer", asegura Mamen Sabio, secretaria de Igualdade de CCOO. Para esta sindicalista, a situación é aínda máis grave nas pequenas empresas "pola dificultade de recadar as probas". Comenta como hai unha semana se puxo en contacto co sindicato a traballadora dunha pequena tenda téxtil familiar cun matrimonio e dúas empregadas. "Leva un ano con acoso e o seu médico de cabeceira deulle a baixa por un mes, mais sen derivala a unha peritaxe psicolóxica, polo que non se solucionou", apunta Sabio. 

Neste tipo de situacións a persoa que sofre acoso non quere perder os seus dereitos laborais, mais as dificultades son enormes. "Hai dificultades para demostrar os feitos polo medo a perder o emprego que teñen as posíbeis testemuñas", argumenta. O acoso adoita ser xerárquico e sempre ten un compoñente de ameazas con represalias. 

Sabio aposta pola instauración da figura da delegada de igualdade nas empresas para vixiar este tipo de problemáticas. “Aprobouno recentemente Asturies como parte das resolucións do diálogo social”, informa a Nós Diario. Tamén incide en que se cumpran os plans de igualdade que, sentencia, "na maior parte dos casos nas empresas quedan en papel mollado".  

Comentarios