O dono de Autobuses Calo escúdase no encargado para a súa defensa

O xuízo por acoso laboral tivo lugar nos xulgados de Fontiñas en Compostela. No mesmo o encargado da empresa autoinculpouse de dar a asinar un documento contra a traballadora.   
Xuízo por acoso laboral a Autobuses Calo (RP)
photo_camera Xuízo por acoso laboral a Autobuses Calo (RP)

O xuízo contra o propietario de Hedegada (coñecida por Autobuses Calo), Ramón Sanjuán, e a súa filla, Marina Sanjuán, denunciados pola traballadora Nélida Pisco por acoso laboral, quedou visto para sentenza após celebrarse a vista nos xulgados de Fontiñas en Compostela. "Agardamos que se demostre penalmente o que xa se ten demostrado na vía do social, que existe acoso laboral sistemático e reiterado sobre a traballadora Nélida Pisco", asegura a Nós Diario Inácio Pavón, responsábel da CIG Transportes da CIG Santiago.

Pola sala do penal pasaron traballadoras e traballadores da empresa, técnicos peritos así como, a petición da defensa, unha psicóloga e un psiquiatra.

Autoinculpación do encargado da empresa

Na vista varias das testemuñas, traballadoras na empresa aseguraron non ter mala relación con Nélida Pisco e contradín o documento asinado polo cadro de persoal que algúns aseguraron "asinar sen ler" ou "por estar asinado por outros". Neste sentido un dos traballadores chegou a afirmar que non lle deixaron ler o documento e outro asegurou que se sentiu presionado para poñer a súa sinatura.

Un dos momentos máis tensos do xuízo foi cando o encargado da empresa afirmou ser o responsábel do documento que criticaba a Nélida Pisco. Asegurou que mandou realizar o texto a un sindicalista da UXT para logo entregalo a asinar ao cadro de persoal de Autobuses Calo.

"Non entendemos que nas dilixencias previas a empresa e o encargado, facéndose responsábel, non estea sentado no banco dos acusados", afirma Inácio Pavón, "escúdanse nos subalternos que logo executaban as ordes contra a traballadora cando é impensábel que o empresario non se entere en dez anos do que está acontecendo na súa empresa sen tomar cartas no asunto", engade.

A defensa do propietario de Autobuses Calo e a súa filla tentou levar o xuízo ao terreo médico a través da presenza dunha psicóloga e un psiquiatra que elaboraron informes sobre Nélida Pisco. O fiscal elevou a súa protesta por considerar que a parte acusada era Ramón Sanjuán, e a súa filla, Marina Sanjuán, e non a propia traballadora denunciante. Polo seu lado o avogado da acusación salientou que ningunha destas últimas testemuñas estudou a traballadora en persoa e os seus informes realizáronse a través doutros informes previos.  

Petición de 100.000 euros e dous anos de prisión

O caso de acoso contra Nélida Pisco iniciouse en 2006 após solicitar unha redución de xornada para atender a súa filla, que nacera prematura e precisaba coidados especiais. "A empresa non aceptou a redución de xornada", explica Pavón, "logo viñeron varios xuízos no social que foi gañando", engade. Nesas sentenzas quedaba acreditado sempre o acoso laboral. En decembro de 2018 Autobuses Calo solicitou á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que a inhabilitara. Pisco gañou a sentenza contra o despedido e a empresa perdeu todos os recursos posíbeis que presentou até hoxe. Malia todo a traballadora aínda non puido reincorporarse ao seu traballo. 

O propietario de Autobuses Calo e a súa filla afrontan unha petición de dous anos de prisión e o pagamento dunha indemnización de 100.000 euros á traballadora por danos morais e vulneración de dereitos.

Comentarios