Sindicatos convocan manifestación na Coruña o 27-M "por un futuro industrial"

A CIG, CCOO e UXT concentráronse esta sexta feira na Coruña coincidindo co xuízo contra Alu Ibérica por vulneración de dereitos sindicais na folga que o persoal iniciara o pasado 26 de decembro. Os seus secretarios xerais aproveitaron a acción para anunciar mobilizacións e unha gran manifestación nesa cidade para o vindeiro 27 de marzo.  
Concentración onte na praza da antiga Audiencia Provincial na Coruña para denunciar persecución sindical de Alu Ibérica (Nós Diario)
photo_camera Concentración onte na praza da antiga Audiencia Provincial na Coruña para denunciar persecución sindical de Alu Ibérica (Foto: Nós Diario)

O despedimento do presidente e de varios membros do comité de empresa de Alu Ibérica semella ser un punto de inflexión na búsqueda dunha solución á situación que vive a fábrica da antiga Alcoa na Coruña. Esta sexta feira, coincidindo co xuízo por vulneración de dereitos sindicais na folga que as traballadoras e os traballadores iniciaron o pasado 26 de decembro, após o despedimento dunha compañeira, os secretarios xerais da CIG, CCOO e UXT anunciaron o inicio de mobilizacións e unha "gran manifestación" na cidade da Coruña para o vindeiro día 27 de marzo.

Os tres sindicatos concentráronse na praza da antiga Audiencia Provincial da cidade herculina para mostrar unidade de acción contra o que consideran un caso claro de "represión sindical" e en defensa da continuidade da actividade na fábrica coruñesa.

"Con esta primeira abrimos un período de mobilizacións para exixir unha solución industrial á fábrica de Alu Ibérica na Coruña", explicaba o máximo responsábel da CIG, Paulo Carril. O sindicalista preguntábase "que máis ten que pasar para que haxa unha solución industrial, que entendemos que ten que ser unha intervención pública para acabar con esta tortura", e denunciaba que a empresa "actúa con impunidade violentando os dereitos dos traballadores da fábrica", como no caso do despedimento do presidente, do vicepresidente e de varios membros do comité de empresa. 

"Esta situación non nos vai despistar de pedir unha solución industrial", aseguraba nunha intervención diante dos medios de comunicación. O líder sindical nacionalista indicaba que "quedan cinco meses para que remate esa garantía de emprego froito do que foi a operación de venda desta fábrica e non permitiremos que sexan un calvario, todo o contrario". Anunciaba tamén que este período será "unha demostración de unidade sindical desde a mobilización" por parte das tres centrais sindicais.

Da privatización a unha solución industrial

"A solución industrial ten que pasar polo arranque das series de electrólise", indicaba Carril, quen, ademais, demandaba unha intervención pública da planta. Desde CCOO, o seu secretario xeral, Ramón Sarmiento, pedía que tivese lugar "un proxecto industrial alternativo" ao actual. Lembraba que o que agora acontece arrancou cun proceso de "privatización de empresas", que "comezou hai moitos anos".  

Pola súa parte, José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT, denunciaba que o grupo multinacional Riesgo, actual propietario de Alu Ibérica, "non investiu en produción, nin en procesos industriais" polo que "todos os compromisos de venda realizados no seu momento non se están cumprindo". O dirixente sindical pediu convocar de novo o comité de seguimento desa venda, "xa que desde o 25 de xuño de 2020 non se convoca". 

Desconfianza nas administracións

"Non nos fiamos das falsas promesas que se están a facer desde as administracións, porque foron as mesmas administracións as que no seu día as privatizaron", aseguraba Ramón Sarmiento. Acúsaas de privatizar, tamén, "o sector enerxético, as empresas estratéxicas do noso país e o sector financeiro". 

Carril, polo seu lado, criticaba a "inacción" do Goberno español "permitindo que a empresa actúe con esta brutalidade, reprimindo e indo contra os dereitos das e dos traballadores" e non "sobre a súa garantía de emprego e a continuidade do seu posto de traballo". Criticaba o que considera "represión sindical", que pretende "acalar non só esta loita senón tamén as testemuñas dun auténtico desastre e fracaso industrial ao que nos levou no seu día Alcoa, Parter e Riesgo, mais tamén os gobernos que non atenden as chamadas que se lles fan para que poñan unha solución industrial".

Comentarios