Medra a tensión no conflito de Alu Ibérica na Coruña

Traballadores e dirección cruzan acusacións coincidindo co inicio dunha folga indefinida na planta de Alu Ibérica na Coruña
Barricada á entrada da factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Comité de empresa).
photo_camera Barricada á entrada da factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Comité de empresa).

Os traballadores e traballadoras da planta de Alu Ibérica da Coruña iniciaron onte unha folga indefinida para denunciar a "represión" laboral exercida por parte da compañía e para demandar a readmisión dunha empregada despedida hai unha semana e esixir unha solución de futuro para a factoría herculina.

A xornada de folga comezou cedo, ás seis da mañá, coa formación de barricadas ás portas da factoría, cuxa venta ao fondo Parter e Grupo Riesgo por parte de Alcoa está a ser investigada pola Xustiza. Seguidamente, ás 12 horas, os traballadores, que cualificaron de "éxito" a primeira xornada de folga, protagonizaron unha concentración nese mesmo lugar.

Mais os problemas coa empresa comezaron cedo tamén. Segundo relatou o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, a compañía denegou o acceso ás instalacións a membros do comité de empresa, que se puxo en contacto coa policía para denunciar os feitos. Pasadas as 9 horas, tres horas despois de arribar á planta, López Corbacho puido entrar nas instalacións e dirixirse ao local da súa central sindical "sempre acompañado por un garda de seguridade".

Para o presidente do comité de empresa, esta actuación constitúe unha vulneración "grave" do dereito a folga e do exercicio de liberdade sindical, ademais de supor "un novo acto de represión" aos traballadores por parte da dirección de Alu Ibérica, á que acusan de querer efectivizar unha "estafa" co "desmantelamento" da antiga planta de Alcoa na cidade herculina.

Acusacións cruzadas

Pola súa banda, a compañía emitiu un comunicado no que asegura que "un grupo de encapuchados xunto aos que se atopaba o presidente do comité entraron nas instalacións da planta para inutilizar as cámaras de vixilancia da planta coas que se controlan os accesos á mesma".

Así mesmo, a empresa afirma que, após isto, ao redor das 7 horas da mañá, "un grupo de persoas e vehículos bloquearon a entrada e saída cunha barreira material e humana e procederon a incendiar pneumáticos".

Cuestionado respecto diso, o propio López Corbacho dixo "non querer entrar valorar estas descualificacións", á vez que asegurou que o comité de empresa levará ante as autoridades os "impedimientos" ao dereito á folga que, di, practicou a compañía este sábado.

Así as cousas, os traballadores continuarán os próximos días coa folga indefinida. O próximo acto terá lugar hoxe ás portas da fábrica cunha nova concentración. Será tan só un día antes da reunión á que están convocados os traballadores co vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.

Comentarios