Segismundo García inicia un ERTE que afecta 84 persoas e dimite como xestor de Sargadelos

O dono de Sargadelos, Segismundo García, esta sexta feira 28 de novembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O ERTE en Sargadelos ten efectos desde o 27 de novembro e até o 15 de decembro e afecta un total de 86 persoas.

O dono e administrador único de Sargadelos, Segismundo García, notificou o inicio dun procedemento de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior con efectos desde o 27 de novembro e até o 15 de decembro, que afecta un total de 86 traballadores e traballadoras da fábrica de Cervo (A Mariña).

Ao mesmo tempo, e segundo informou o propio Segismundo García á prensa, o propietario da histórica firma comunicou ao Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña a súa "dimisión como xestor ou CEO" da fábrica de cerámica da que se fixo cargo no ano 2014, cando se atopaba en situación concursal. Á marxe queda a factoría do Castro, en Sada (comarca da Coruña).

Respecto desta decisión de dimitir relativa a Cervo, nun escrito, García afirma que se debe á "chulería" da Inspección de Traballo, que o "obriga" a "cesar nas funcións executivas que viña realizando" con data desta mesma sexta feira.

Na actualidade, Sargadelos xa non está en concurso de acredores (saíu en 2016) e o propio García traslada no escrito para o xulgado que a planta "satisfixo a totalidade dos créditos privilexiados e abonou a práctica totalidade dos créditos ordinarios devindicados até a data".

"Déixase unha empresa sen débedas, con ampla e recorrente tesouraría, prestixiada no mercado e en plena época de expansión", manifesta quen, en todo caso, continúa sendo o dono da factoría a pesar de deixar a actividade de director executivo.

Volve o pulso

Segismundo García, que en abril mantivo un pulso coa Inspección de Traballo a raíz dun expediente aberto tras detectarse de que varias traballadoras desenvolveran silicose en Cervo, volveu paralizar a actividade esta quinta feira.

Fíxoo tras unha nova visita de tres inspectores, que acudían a comprobar o estado das instalacións pasado o prazo determinado para que se executasen as mellorías requiridas para incrementar a seguridade laboral na fábrica.

Como o edificio está declarado como ben de interese cultural (BIC), Traballo deu un prazo máis amplo para as actuacións que implicaban obras no mesmo, e a Xunta da Galiza comprometeu a Segismundo García colaboración para que saísen adiante.

Novo fechamento

Esta sexta feira a primeira hora, o persoal de produción acudiu ao seu posto de traballo (como en abril) e atopouse coas portas fechadas. Asinaron un rexistro para deixar constancia de que acudiron e permaneceron ás portas de Sargadelos, en cuxo interior si se atopaba o persoal de oficina e mantemento.

Sen a presenza da Garda Civil (que si estivo en abril), o desconcerto, o malestar e a sensación de desamparo estendeuse entre o persoal de produción, que non entendeu a decisión do ERTE no momento que vive Sargadelos, que contratou persoal nos últimos tempos e abriu unha tenda en Barcelona, entre outras medidas.

Pola súa parte, o dono de Sargadelos chegou esta sexta feira á hora que adoita ser habitual, sobre as 8.40 horas, e accedeu á planta sen falar co persoal. Ao redor das 11.30 horas deixou o lugar. Na súa carta de "dimisión", critica a "abundante e, ás veces, contraditoria lexislación e normativa de todo tipo", mais carga "sobre todo" coa do ámbito laboral, así como con "a chulería da inspección de traballo".

"Pola saúde dos traballadores"

Con respecto ao ERTE, refírese á "paralización obrigada da produción tras as actuacións e requirimentos formulados pola Inspección de Traballo e Seguridade Social en relación con posíbeis riscos asociados ao po de sílice en determinados postos de traballo, que, de existir, poden ser prexudiciais para a saúde dos traballadores".

"Tal situación obríganos a interromper (confiemos que temporalmente) a actividade produtiva nas áreas afectadas (produción) para garantir plenamente a seguridade e saúde do persoal", afirma. "Esta situación constitúe unha causa de forza maior nos termos previstos na normativa laboral", engade.

Por iso, a empresa procedeu a solicitar a autorización do ERTE por forza maior ante a autoridade laboral, segundo indica. "Unha vez recaia resolución e se concreten as medidas, comunicarase aos afectados", apunta o dono de Sargadelos no escrito presentado.

O expediente

En concreto, son oito homes e 78 mulleres as persoas afectadas, segundo recolle o expediente, presentado no rexistro da Xunta esta sexta feira á primeira hora, segundo consta na documentación remitida por Segismundo García aos medios de comunicación. A firma desta documentación por parte dunha das traballadoras provocou momentos de crispación entre un persoal que carece de representación oficial desde hai anos.

O representante da CIG Xorxe Caldeiro, que tanto en abril como agora acudiu até a fábrica para acompañar e asesorar aos traballadores e ás traballadoras, criticou o "despropósito" que achaca a unha "improvisación sobre uns desvaríos" do dono de Sargadelos e até o de agora director executivo da factoría mariñá.
 

Rexeitamento da Xunta ao ERE

A Xunta instou á reanudación da actividade "canto antes" na planta na defensa dos dereitos das persoas traballadoras. Como autoridade laboral, o Goberno galego informou de que aprecia "incongruencia" na solicitude presentada ao non axustarse á normativa aplicábel e demanda información e documentación adicional á dirección da empresa. Así mesmo, reafirmou que, "como non pode ser doutro xeito", velará polo cumprimento da lexislación laboral e denunciará calquera ilegalidade que se detecte.

Con respecto ás negociacións levadas a cabo desde abril, insiste en que actuou "desde o primeiro momento con absoluta responsabilidade, mantendo un contacto permanente tanto coa empresa como cos traballadores e Inspección de Traballo, e mediando para que se ofrecese a máxima flexibilidade á dirección --dentro da legalidade vixente-- para a realización das obras necesarias para emendar as deficiencias detectadas".

Aliás, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu á empresa "seriedade" e "cumprimento da lei . Afirmando que o Executivo Galego intentará mediar no conflito.


O BNG insta á Xunta a intervir publicamente a factoría

O Grupo Parlamentar do BNG presentou esta sexta feira unha Proposición non de lei para debater na Comisión 6ª polo trámite de urxencia, a situación que están a vivir os traballadores e traballadoras da factoría de Sargadelos e as medidas que debe tomar a Xunta de Galiza.

O Bloque afirmou a urxencia da iniciativa "vén motivada pola alarma social xerada diante da situación na que se atopan os traballadores e traballadoras de Sargadelos en Cervo, así como polo futuro da factoría".  

Os deputados do BNG denunciaron que de novo " o goberno galego volve mostrarse coma un goberno inútil incapaz de reconducir a situación e garantir o traballo e o mantemento da histórica factoría de cerámica". Instando á Xunta a intervir publicamente a factoría co obxectivo de garantir a continuidade do emprego e da fábrica.