O sector da construción alerta da falla de persoal cualificado

A Fundación Laboral da Construción calcula que o sector precisará entre 5.300 e 9.150 traballadores na Galiza en 2021.
Edificio en construción en Compostela (Xoán Roberes).
photo_camera Edificio en construción en Compostela (Foto: Xoán Roberes).

A construción precisará entre 5.300 e 9.150 traballadores na Galiza en 2021. Esa é unha das conclusións do último informe da Fundación Laboral da Construción, elaborado a partir da Enquisa de Poboación Activa e da Enquisa Trimestral de Custo Laboral. Mais esas expectativas de emprego poderían verse afectadas pola falla de traballadores cualificados, advirten desde a entidade, un problema que se acentúa no sector da rehabilitación, "motor da actividade hoxe en día".

Algúns dos perfís máis demandados, especifican desde a Fundación Laboral da Construción, son os albaneis, os carpinteiros, electricistas, fontaneiros, encofradores, pintores, operadores de maquinaria e montadores de estruturas metálicas, "que non se están a repor após as xubilacións".

Posición privilexiada

A organización sinalou nun comunicado que a industria da construción na Galiza atópase "nunha posición magnífica" para actuar "como dinamizadora e impulsora da economía e do mercado laboral galego".

A este respecto, indicou que as horas efectivas traballadas no segundo trimestre de 2020 reducíronse "unicamente" en 8,23%, cifra 12,75% inferior á media estatal. Ademais, as horas efectivas totais aumentaron 3,8% no terceiro trimestre de 2020, fronte ao descenso de 1,62% no resto do Estado.

A Fundación Laboral da Construción destacou tamén que a construción na Galiza experimentou un crecemento interanual de 1,34% fronte á caída de 1,28% no resto de sectores, "só superado pola agricultura". Ademais, a actividade do sector incrementouse 2% no terceiro trimestre de 2020 respecto ao mesmo período de 2019.

Fondos europeos

Porén, pese ao "comportamento moi positivo" do sector durante a crise sanitaria, a Fundación ve "con preocupación" a caída de visados ─de até 21%─, unha situación que, advirten, "pode derivar nunha peor evolución con respecto á construción de vivenda nova".

É por este motivo que a asociación ve "esencial" destinar os fondos europeos para a recuperación á renovación do parque de vivendas existente e manter "ou incrementar" o investimento en obra pública "para seguir xerando actividade económica e novos postos de traballo".

Comentarios