As residencias de maiores galegas levan máis de 30 anos sen actualizar as ratios de persoal

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT presentaron onte no rexistro da Xunta a convocatoria de folga indefinida nas residencias e centros de día (Foto: Nós Diario).
O persoal das residencias iniciará o vindeiro 17 de marzo unha folga indefinida para exixir condicións dignas de traballo.

Representantes dos sindicatos CIG, CCOO e UXT presentaron onte no rexistro da Xunta a comunicación dunha folga indefinida a partir do vindeiro 17 de marzo nas residencias de maiores e centros de día do país. 

O principal obxectivo desta protesta, que dará comezo ás 22 horas da data sinalada, é forzar a patronal das residencias privadas a negociar un novo marco laboral para o sector. Fano, segundo denuncian, á vista de que a representación empresarial decidiu "torpedear" e "dilatar" calquera negociación. 

Así o indicou en declaracións aos medios Beatriz Fernández (CIG), que apuntou que a principal demanda dos traballadores e das traballadoras é que se actualicen as táboas retributivas para axustalas ao incremento do custo da vida. 

"Despois de todo este tempo de pandemia, deberían ter en conta o esforzo que realizamos", aseverou Fernández, que sinalou o grupo DomusVi, propietario dunha ampla rede de residencias privadas na Galiza, como un dos responsábeis da falta de vontade da patronal para sentar a negociar co persoal.

Suba salarial

Pola súa parte, Javier Martínez, responsábel de Servizos Públicos da UXT, relatou a Nós Diario que, mentres ao persoal se lle negaba a suba salarial conforme ao Índice de Prezos do Consumo (IPC), as empresas si repercutiron esas subas nas tarifas das persoas usuarias.

Segundo denuncia, as empresas están a atrasar esta decisión á espera de que o Instituto Nacional de Estatística publique o dato definitivo de 2021 e dubida de que o apliquen con carácter retroactivo. "Eles din que si, pero non nos fiamos", afirma Martínez, que engade que temen que de teren que pagarlles todos os atrasos xuntos  "despois digan que non teñen cartos para pagar, aínda que non digan nada do que aforraron estes dous anos". 

Outro aspecto sobre o que chama a atención son as ratios de persoal "que levan sen tocarse desde o ano 1989". Ademais, indica, "son tan xenéricos que as empresas poden interpretalo de mil maneiras", pois non se especifica por especialidades (xerocultores, enfermeiras, persoal médico, etc).

Esta situación vese agudizada polo feito de que as empresas non substitúen o persoal de baixa ou de vacacións "co que non se cumpren nin tan sequera esas presenzas mínimas", o que aumenta a carga de traballo do resto do persoal e a calidade do servizo que se presta. "Queren aforrar como sexa a custa do persoal e iso non llo imos permitir", advertiu. 

Na mesma liña, Iria Estévez, responsábel de Sanidade Privada de CCOO, critica que a actual situación provoca que o persoal leve durante moitos anos "unha mochila de sobrecarga laboral grandísima".

Respecto da folga, insiste en que son moitos os factores que a motivan: "salario xusto e unhas condicións laborais dignas, que exista unha conciliación real, recoñecemento profesional ou que as ratios sexan adecuadas".

Con todo, a folga non será o único acto de presión. Tamén teñen pensado presentar un escrito á Valedora do Pobo esta sexta feira e convocar asembleas informativas por todo o país antes de avanzar "outras accións".