A realidade dos autónomos no verán: un de cada tres non terá vacacións e un de cada catro non descasará en todo o ano
Un de cada tres traballadores autónomos asegura que non descansará este verán e o 25% está seguro de que non tomará nin un día de descanso ao longo de 2025, segundo datos da Federación Estatal de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA). Con todo, un 43,7% si sinalou que se vai de vacacións no verán. Un 11,4% colle algún día de descanso, pero non no verán, e un 13,1% asegura que reservará uns días de lecer, mais aínda non sabe en que datas. Por último, un 6,2% aínda non sabe se fechará este verán para descansar.
En comparación co ano anterior, este 2025 podería tomar unhas vacacións até 68,1% dos traballadores por conta propia, fronte ao 66,2% de 2024. Ademais, este ano incrementouse a indecisión, porque a porcentaxe de persoas traballadoras que "non saben" se fecharán o negocio uns días no estío aumentou de 1,8 a 6,2%. Ademais, 12% dos enquisados afirman que levan máis de tres anos sen fechar por vacacións, un 4,5% dous anos ou máis e un 6,7% máis dun ano. Isto supón que un 23,2% dos autónomos non colleu polo menos uns días de vacacións en calquera época do ano desde hai máis de 365 días. Preguntados os autónomos sobre se de forma habitual descansan uns días en calquera época do ano, 62,7% asegura que si e un 11,6% nunca descansa.
Razóns económicas e de xestión
O principal motivo que expoñen para non coller vacacións no verán é o económico. A metade dos enquisados afirma que non se pode permitir uns días de ocio (50,4%). A esta razón súmase a da propia xestión do negocio, que lle impide deixar de traballar (37,5%). Así, 9 de cada 10 autónomos que non veranean fano por un motivo económico ou de xestión directa do negocio, ao que hai que engadir que para un 1,7% que acaba de iniciar o seu negocio non é viábel tampouco parar neste momento. Só 8,6% dos autónomos afirman que o verán é a época de maior actividade e directamente non llo expoñen. Dos que non se decidiron (13,1%), o motivo principal é que dependerá da propia evolución da actividade nestes meses e vaino a decidir no último momento (62,6%).
Dos autónomos que optan por outras estacións do ano, 46,8% é porque o verán é a época na que o seu negocio ten maior actividade e, por iso, pasa os días de descanso a outros meses máis descansados. A iso súmase que a xestión do negocio exíxelles estar presente (28,6%).
Un de cada dez (11,7%) prefire coller as vacacións noutra data e a facilidade de ser o seu propio xefe permítello. Mais hai quen non ten posibilidades económicas para facelo ou expresan outros motivos un 13% dos autónomos. Ademais, máis de 70% destes traballadores que elixen outras datas esperan ao outono (50,7%) ou o inverno (20,8%). Para os que si gozan das vacacións no verán, o que prima é que baixa a súa actividade (37,1%).
Hostalaría e turismo
Polo tipo de actividade que desenvolven, este ano descansan no verán 44,6% dos autónomos dedicados ao transporte, 43,2% da construción, 33,8% dos comerciantes, 30,2% dos autónomos dedicados á agricultura e 29,7% da industria. Entre os que menos, 25,4% da hostalería e un 10,2% dos que dependen do turismo. Estes últimos, toman vacacións noutra época do ano maioritariamente e un de cada dous (49%) así o manifestou.
Por sexos, case a metade (47,9%) das autónomas asegura que se irá de vacacións no verán fronte a 40,7% dos homes e son elas principalmente as que tamén deciden aprazar ese descanso a outras épocas do ano nas que baixe máis a súa actividade (14,2%).
Por zonas, dos autónomos que desenvolven a súa actividade en zonas de costa, 42% si pensaron en tomar uns días de veraneo, fronte a 46% dos considerados de interior. Tres de cada dez autónomos de costa (28,3%) asegura que non collerán vacacións no verán, ao que hai que engadir un 10,3% que non o teñen decidido e un 13,3% que o fará noutra época do ano. En total son case un de dous autónomos de costa os que non descansarán no verán.
Empregados ao cargo
Dos autónomos que non descansará en todo o ano, 23,5% ten traballadores e 26,7%, non. Un 45% dos autónomos enquisados afirma ter empregados ao seu cargo e 42,7% di non ter. Ademais, un 14,2% que si ten traballadores afirma que se irá noutro momento do ano, fronte a un 8% dos que non teñen.
Desta maneira, o perfil que máis seguro irá de vacacións é o dunha autónoma (47,9%) dunha contorna urbana (51,5%) localizado no interior (46%), con traballadores (45%) e que non se dedica ao turismo. Polo que se refire ao período medio das vacacións, é de entre dúas e tres semanas (65% dos autónomos que veranean) e un de cada dous (56,6%) o que fai é fechar completamente o seu negocio.
Ademais, un de cada catro vaise de vacacións porque ten traballadores que se poden facer cargo del e un 16,2% compatibiliza as vacacións co traballo, polo que nunca desconecta do todo.


