Os sindicatos alertan da evolución do mercado de traballo: "Medra a pobreza laboral" e os empregos son "de baixo valor engadido"

Baixa o paro e medra a afiliación na Galiza nunha tendencia que segue a liña do conxunto do Estado. Con todo, desde as organizacións sindicais alertan de que "tamén medra a pobreza laboral" e de que os empregos son "de baixo valor engadido". Neste sentido, a CIG, CCOO e UXT lamentan que a calidade do mercado laboral galego siga sendo "peor" e a precariedade "maior" que a nivel estatal.
Un home traballa nunha pastalaría. (Foto: Rafael Bastante / Europa Press)
Un home traballa nunha pastalaría. (Foto: Rafael Bastante / Europa Press)

As afiliacións á Seguridade Social medraron no mercado laboral da Galiza nunha media de 7.448 persoas afiliadas no mes de marzo, o que supón 0,69% máis que no mes anterior, até as 1.079.396 cotizantes, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Esta suba da afiliación vai en liña coa rexistrada no conxunto do Estado español, de 0,7%. Deste modo, nos últimos 12 meses, o sistema contabilizou 17.801 novas cotizantes na Galiza, 1,68% máis que hai un ano, neste caso por baixo da suba a nivel estatal, que foi de 2,1%.

Do conxunto das cotizantes galegas, 857.469 persoas pertencían en marzo ao réxime xeral, mentres que 203.801 eran autónomas e 18.125 traballaban no mar. Entre as do réxime xeral, as vinculadas á agricultura alcanzaron as 6.086, mentres que 22.019 estaban no sistema especial de empregadas do fogar.

Pola súa parte, o paro rexistrado nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego baixou en 1.822 persoas en marzo, o que implica 1,51% menos que no mes anterior, supondo un descenso maior que o estatal, de 0,5%.

Así, o número de desempregadas ficou por baixo das 120.000 –119.155 persoas–, 7,64% menos que un ano antes (-5,4% no Estado), con 9.856 persoas menos, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social. 

O desemprego descendeu 7,64% con respecto ao mes de marzo do exercicio anterior

Do conxunto de desempregadas na Galiza, 58% era muller e 4,3% era menor de 25 anos. Ademais, a gran maioría, concretamente 71,8%, pertencía ao sector servizos. Por outra parte, todos os sectores rexistraron en marzo un descenso do paro con respecto a febreiro, menos no caso do colectivo sen traballo anterior, entre as que o desemprego aumentou en 61 persoas. 

Por sectores, a agricultura reduciu o paro en 95 persoas, até as 3.610 desempregadas. Pola súa parte, a industria baixou en 254, ficando con 11.097 persoas no paro, mentres que a construción contabilizou 192 desempregadas menos, ficando o total en 7.526. Finalmente, o sector servizos fechou o mes de marzo con 85.632 persoas no desemprego, 1.342 menos que en febreiro.

Entre outras cifras, na Galiza un total de 79.132 persoas recibían algún tipo de prestación por desemprego, das que 43.151 eran contributivas. De media, estas últimas cobraban a nivel galego 971,1 euros, algo menos que os 1.014,5 euros do Estado.

Reaccións sindicais

A CIG salientou esta cuarta feira que, na súa opinión, as empresas de traballo temporal (ETT), os "convenios trampa" e os contratos parciais fixeron que crecese o emprego na Galiza, "mais tamén a pobreza laboral". Neste sentido, o secretario confederal de Emprego e Industria do sindicato, Francisco González Sío, afirmou que o traballo que se xera é "cada vez máis precario, con contratos parciais, condicións laborais degradadas e salarios á baixa". Segundo recalcou González Sío, a reforma laboral provoca unha "dualidade perversa" porque "mentres se crea emprego, este concéntrase en sectores como a hostalaría, a restauración ou o turismo, con altas taxas de temporalidade e salarios baixos".

Francisco González Sío, secretario de Emprego (CIG): "As ETT, os convenios trampa e os contratos parciais fixeron que crecese o emprego, mais tamén a pobreza laboral"

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, valorou positivamente as cifras, aínda que apuntou que creceu máis a contratación temporal que a indefinida e que a maior parte do crecemento do emprego ten base en actividades con "forte carácter estacional" e de "baixo valor engadido". A pesar de asegurar que a calidade do emprego é "mellor" que antes da reforma laboral, sinalou que segue situándose na Galiza "peor" que na media do conxunto de Estado.

Maica Bouza, secretaria de Emprego (CCOO): "O crecemento do emprego na Galiza ten base en actividades con forte carácter estacional e de baixo valor engadido"

Pola súa parte, o secretario de Organización de UXT, Aser Sanz, reivindicou que se mantén a creación de emprego "de calidade" na Galiza a pesar do contexto de "incerteza". Desta maneira, defendeu a "fortaleza" do mercado de traballo. Con todo, Sanz apuntou a necesidade de abordar "desequilibrios estruturais" como "a reforma do despedimento, a redución da xornada laboral, o desemprego ou os baixos salarios".

Aser Sanz, secretario de Organización (UXT): "É necesarios abordar desequilibrios como a reforma do despedimento e os baixos salarios"

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada na Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), referiuse ao "crecemento pausado" dos autónomos na Galiza, con 192 máis que en febreiro, mais 1.596 menos que en marzo de 2024.

Neste sentido, a federación galega da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA), sinalou que "aínda que no que levamos de 2025 estamos en signo negativo, hai que recoñecer que os datos de marzo son bos". Desta maneira, a organización concluíu que "este crecemento, aínda que modesto, é un sinal positivo nun contexto económico que segue presentando grandes desafíos".

Con respecto aos datos de desemprego e afiliación, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou as cifras dos "colectivos prioritarios", cunha redución na comparanza anual, afirmou, tanto na cifra de paradas de longa duración como no caso de mulleres e menores de 30 anos.

Traballo admite que o Estado non cumpre a Carta Social Europea

O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, afirmou onte que o Goberno español abrirá unha mesa de diálogo social para reformar o réxime de despedimento unha vez se coñeza, cara ao verán, as resolucións do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) sobre a denuncia de CCOO contra o Estado español por incumprir a Carta Social Europea no que respecta á indemnización por despedimento improcedente.

O Goberno estatal agardará ao verán para abordar os despedimentos

Neste sentido, Pérez Rey cre que "non hai ningunha dúbida" de que o Consello de Europa considera que o réxime do despedimento estatal, tal e como está agora exposto, "está ferido". "Non me atrevería a dicir de morte, mais desde logo non cumpre cos estándares da Carta Social Europea", precisou o secretario de Estado.

Salario mínimo

En base a unha demanda anterior de UXT, o CEDS xa se pronunciou sobre o incumprimento da Carta Social Europea por parte do Estado español no referente ao despedimento improcedente. Ademais, o CEDS tamén admitiu o pasado ano unha reclamación da CIG contra o Estado –pendente de resolución– pola "insuficiencia" do salario mínimo interprofesional (SMI) na que o sindicato denuncia que non alcanza 60% do soldo medio estatal. 

Comentarios