#QueEscoiten: mobilización desde balcóns e xanelas por un plan “de protección social xusto”

Será o vindeiro 10 de abril, ás 12:00 horas, e convocada pola CIG.

O primeiro sindicato galego, CIG, chama a unha xornada de protesta o vindeiro 10 de abril para esixir medidas de protección social xustas. Baixo a consigna #QueEscoiten, a central anima a facer unha cazolada ese día, ás 12 horas, dende as fiestras e balcóns.

O sindicato pretende que este acto sexa unha forma de “trasladar o malestar que existe entre a cidadanía ante a xestión errática, caótica e insuficiente na crise sanitaria, que tamén é social e económica, derivada da pandemia do COVID19”.

Con esta mobilización, explican, quérese demandar medidas de protección social “sen discriminación” entre colectivos, garantías de que as familias teñen “ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións”, así como reforzar as medidas de prevención “para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade”.

A CIG considera que as medidas contempladas polo decreto aprobado esta terza feira no Consello de Ministras, "sendo un avance a respecto do que había", mantén "tímidas modificacións ou ampliacións da cobertura necesaria nun momento de emerxencia e de desprotección de amplos sectores da sociedade e da clase traballadora".

Os mecanismos de protección previstos neste decreto son, "farragosos, escasos e dunha burocracia que dificulta e mesmo impide a protección real das persoas máis vulnerábeis", aseguran desde a central sindical. 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica como "moi grave" que se cambie o uso dos cartos das cotizacións da seguridade social destinados a formación, para prestacións sociais e de desemprego, "en vez de conseguir financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas, ás grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía hoxe en mans privadas (a banca, as grandes eléctricas…)".

Comentarios