xoves 05/08/21

Protestas nas 7 cidades contra unha reforma “que empobrece as nosas pensións”

Convocada polo colectivo de persoas xubiladas da CIG, “en defensa do sistema público e para reclamar unhas prestacións dignas”.

CIg pensións

O pacto acadado estes días entre patronal, Goberno español e UXT e CCOO para a reforma das pensións tivo esta quinta feira contestación nas rúas das sete cidades galegas. As protestas, convocadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG, afirman que ese acordo vai supoñer “un empobrecemento xeneralizado das contías” das pensións.

O rexeitamento ao acordo é, indican desde este colectivo, “tanto ás formas como ao fondo”, pois “non reforza o sistema público, mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial”.

Un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom

O sindicato ten claro que estamos perante a “primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da UE para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation”.

Nesta liña, salienta que, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, “antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom”.

Ns protestas tamén se denunciou que con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, de acordo coa Carta Social Europea, revalorizábel co IPC real”.

En virtude do acordo alcanzado hai uns días, a actualización das pensión contributivas será a partir de agora en función da variación do índice de prezos ao consumo (IPC), polo que xa non haberá limitacións ás subas en situación de déficit, como acontecía co índice de revalorización, que estabelecía un máximo de 0,25%. 

comentarios