O Goberno español e os axentes sociais acordan reformar o sistema de pensións

A reforma das pensións, criticada desde a CIG, liga as prestacións ao IPC e elimina o factor de sustentabilidade
Goberno español, patronal e sindicatos chegaron a un acordo para reformar o sistema de pensións (Foto: Ministerio de Traballo)
photo_camera Goberno español, patronal e sindicatos chegaron a un acordo para reformar o sistema de pensións (Foto: Ministerio de Traballo)

Principio de acordo entre Goberno español, patronal e sindicatos para reformar o sistema de pensións e eliminar dous dos elementos máis polémicos introducidos na reforma de 2013 do Partido Popular, como son o índice de revalorización e o chamado factor de sustentabilidade

De feito, en virtude do acordo alcanzado no día de hoxe, a actualización das pensión contributivas será a partir de agora en función da variación do índice de prezos ao consumo (IPC), polo que xa non haberá limitacións ás subas en situación de déficit, como acontecía co índice de revalorización, que estabelecía un máximo de 0,25%. 

O acordo, desenvolto nun texto normativo con forma de anteproxecto de lei, garante así o mantemento do poder adquisitivo das pensións contributivas, incluídas as mínimas, ao vincular a súa revalorización anual coa variación interanual media do IPC dos 12 meses anteriores a decembro do ano anterior. No caso de que esta variación fose negativa, o importe das pensións non experimentaría variacións ao comezo do ano.

Con esta reforma, comprometida polo Estado español con Bruxelas no compoñente 30 do Plan de recuperación, tamén se intenta achegar a idade efectiva de xubilación (64,6 anos) á idade legal mediante un endurecemento das xubilacións anticipadas e maiores incentivos ao atraso da xubilación.

Xubilación anticipada

Neste senso, segundo avanzaron os sindicatos asinantes (CCOO e UXT), recórtanse de forma xeneralizada os coeficientes redutores, dáse maior equidade ás regras de xubilación anticipada e amplíanse os dereitos de xubilación en varias das modalidades.

Para as persoas que teñan menos de 38 anos e seis meses cotizados, adiantar a súa xubilación 24 meses suporá unha redución na pensión de entre 21% e 3,26% (1 mes antes), e para os que teñan máis dese tempo pero menos de 41 anos e seis meses cotizados, a redución máxima será do 19% (24 meses) e a mínima do 3,11% (1 mes). Pola súa banda, o coeficiente redutor pasará a ser do 17% se as persoas que teñen máis de 41 anos e seis meses cotizados, pero menos de 44 anos e seis meses, se xubilan dous anos antes. Se o fan un ano antes, a redución será do 2,96%. Por último, as que teñan máis de 44 anos e medio cotizados contarán cunha redución do 13% por xubilarse dous anos antes e do 2,81% un mes antes.

Outro aspectos no que inciden os sindicatos é que o Estado volverá ser garante da suficiencia do sistema público de pensións a través dunha cláusula na Lei xeral de seguridade social na que se recollerá unha achega anual para este fin de perto dun 2% do PIB ─uns 21.000 millóns de euros─ a través dos Orzamentos Xerais do Estado. 

"Culmínase así o cumprimento, até a data, do principio de separación de fontes e garántese desde agora mesmo perto da metade do incremento de financiamento adicional que se prevé que necesitará o noso sistema de pensións para o ano 2050", resaltan os sindicatos. O mecanismo que substituirá o factor de sustentabilidade definirase nos próximos meses e operará a partir de 2027.

Equiparación de dereitos

A reforma do sistema de pensións inclúe tamén outras novidades, como a equiparación dos dereitos vinculados aos períodos de servizo social feminino obrigatorio aos que xa gozaban os do servizo militar.

Na mesma liña, o novo texto aprobado polo Goberno español e os axentes sociais incorpora tamén unha batería de medidas pola cal se recoñecen novos dereitos ou se amplían algúns dos que xa existían, entre os que destaca a equiparación da pensión de viuvez no caso das parellas de feito, a extensión do dereito á cotización polos programas de formación (bolsas) vinculados a estudos universitarios ou de formación profesional, teñan estes ou non carácter remunerado, ou a mellora dos convenios especiais de coidadores familiares de persoas en situación de dependencia, entre outros.

Críticas da CIG

Após coñecerse o acordo, desde a CIG lamentaron que a nova reforma pactada consolide "as regresivas reformas aprobadas en 2011 e 2013", até o punto de que, agás a recuperación do índice de revalorización ligado ao IPC, mantén o resto dos recortes e se actualizan certos aspectos "para avanzar nun novo retallo das pensións públicas e afondar na introdución dos fondos de pensións privados". 

Neste senso, denuncian que nin se contemplan mecanismos para estabelecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a central sindical tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.

Xunto a isto esixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións, e que só depende de que haxa vontade política.

Comentarios