Sesión de investidura

O persoal público aproveitou a investidura de Rueda para demandar "fixeza": "Con tanto temporal, algo estás facendo mal"

O persoal público temporal di estar "farto" xa da súa situación indefinida "de abuso".
Protesta ás portas de Bonaval, este domingo, durante a investidura de Alfonso Rueda. (Foto: CNT)
photo_camera Protesta ás portas de Bonaval, este domingo, durante a investidura de Alfonso Rueda. (Foto: CNT)

O persoal público temporal galego convocado pola CNT concentrouse este sábado no exterior da Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde tiña lugar nese momento a investidura de Alfonso Rueda para facer valer as súas reiteradas reivindicacións, nomeadamente a loita contra a temporalidade que impera no sector. A CNT demanda a conversión do persoal temporal "en fraude" a persoal fixo.

Berros de "Rueda escoita, o teu plantel en loita"; "con tanto temporal, algo estás facendo mal", ou "fixeza xa" foron constantes na protesta dos empregados e empregadas públicas temporais que acudiron en representación do persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, bombeiros forestais, Augas da Galiza e o resto da Xunta da Galiza e outras administracións públicas galegas "caracterizadas pola fraude e o abuso do persoal temporal".

O persoal público temporal di estar "farto" xa da súa situación indefinida "de abuso", polo que reclama que as administracións públicas "cumpran xa coas disposicións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea" e poñan coto á temporalidade.

"Particularmente na Xunta da Galiza, exemplo de trato lamentábel aos seus traballadores e traballadoras temporais, reclámase a paralización inmediata dos procesos de estabilización e a conversión a fixo segundo a doutrina europea", salientan desde a CNT.

O sindicato avanza tamén a convocatoria dunha nova protesta do persoal público temporal para a quinta feira 25 de abril na Coruña, ás portas da sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Comentarios