BNG e CIG defenden reducir a xornada laboral a 35 horas semanais

A central sindical entende que no actual contexto de desenvolvemento tecnolóxico e de cambios na xestión e organización do traballo non existen razóns que impidan avanzar “dunha vez por todas” en dereitos laborais reais.
Francisco Sío, Néstor Rego e Paulo Carril, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Francisco Sío, Néstor Rego e Paulo Carril, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Unha Proposición de Lei tramitada polo BNG recolle as principais propostas da CIG para a redución da xornada laboral a 35 horas —no camiño de avanzar cara a xornada de catro días, 32 horas á semana— para facilitar o descanso, a conciliación e a desconexión das persoas traballadoras. O secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, compareceron esta quinta feira en rolda de prensa xunto ao deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, para explicar os detalles dunha iniciativa que inclúe tamén medidas sobre a regulación da xornada para frear a precariedade e dignificar a contratación a tempo parcial.

Néstor Rego sinala a necesidade de actualizar a lexislación laboral para adaptarse á realidade socioeconómica actual e rematar cun modelo laboral que, segundo indica, "prexudica as traballadoras e traballadores, alonga as xornadas de xeito abusivo e dificulta a conciliación da vida laboral e persoal". "A xornada de 35 horas semanais xa é unha realidade en moitos sectores da Administración pública e en determinadas empresas. O que BNG e CIG defendemos con esta proposta é que se estenda de maneira xeral para garantir que todas as persoas traballadoras poidan gozar de mellores condicións sen perda salarial", sinala Rego.

A central sindical entende que no actual contexto de desenvolvemento tecnolóxico e de cambios na xestión e organización do traballo non existen razóns que impidan avanzar “dunha vez por todas” en dereitos laborais reais e xerar máis riqueza social favorecendo a repartición do traballo mediante a implantación da xornada de 35 horas á semana de traballo efectivo.

Neste senso, Paulo Carril considera “claramente insuficientes” as medidas contempladas no Anteproxecto de Lei para a Redución da Duración Máxima da xornada ordinaria de Traballo, o Rexistro de Xornada e o Dereito á Desconexión pactado entre o Goberno español e os sindicatos CCOO e UXT. De modo que a CIG achegoulle ao Ministerio de Traballo unha serie de propostas e modificacións para incorporar ao documento, que agora veñen de ser asumidas polo BNG e trasladadas ao Congreso en forma de Proposición de Lei.

Na súa comunicación ao Ministerio a central sindical reclamaba tamén que antes da aprobación definitiva da Lei se abran de novo consultas e negociacións, garantindo en pé de igualdade os dereitos de todas as organizacións sindicais lexitimadas para a participación institucional a nivel estatal, entre as que se atopa a CIG. Xa que a central foi excluída das negociacións a pesar de súa condición de sindicato máis representativo a nivel estatal, “vulnerando o principio de neutralidade e de liberdade sindical”.

Entre as propostas que recolle a Proposición de Lei que vén de ser presentada salienta a implantación da xornada de 35 horas semanais —fronte ás 37,5 que figuran no Anteproxecto de Lei— co obxectivo de ir camiñando cara a xornada semanal de catro días, a 32 horas á semana.

Porque tal e como subliña o secretario xeral da CIG a redución da xornada laboral “non só permitirá mellorar a calidade de vida da clase traballadora, senón que terá un impacto positivo no emprego”, permitindo a incorporación de máis persoas ao mercado laboral. “É unha medida de xustiza social, que responde a unha demanda histórica do sindicalismo nacionalista e de clase que busca avanzar para a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Frear a precariedade laboral

A Proposición inclúe ademais unha serie de medidas sobre a regulación da xornada encamiñadas a frear a precariedade laboral e dignificar a contratación a tempo parcial, unha vez que se estendeu o abuso deste tipo de contratos como consecuencia da última reforma laboral. Entre outras, garantir xornadas mínimas fixas de 20 horas en horario continuado; condicionar a realización de horas complementarias; limitar estes contratos ao 15% dos cadros de persoal e no sector público; e aumentar a retribución do persoal a tempo parcial.

Así como unha proposta concreta coa que derrogar a reforma laboral do PP do 2012, que este Goberno sigue mantendo vixente, rematando co feito de que a patronal sexa quen decida unilateralmente a distribución irregular da xornada até un 10%.

Rexistro de xornada

Outra das achegas ten que ver coa dotación dun sistema de rexistro de xornada por medios dixitais para que sexa transparente e eficaz, de modo que permita contabilizar as horas extraordinarias con garantías para as persoas traballadoras e a súa compensación en descanso ou retribución. Porque a CIG entende que a modificación do rexistro de xornada que pretende o Goberno español “relaxa as esixencias que evitan que as persoas traballadoras poidan ser vítimas dos mecanismos de flexibilidade e abuso de horas extras”. 

Medidas sobre a regulación da xornada

“Polo tanto, a redución da xornada a 37,5 horas proposta polo Ministerio é fraudulenta, primeiro porque a xornada laboral anual media pactada na actualidade xa está moi próxima a esta cifra; e en segundo lugar porque a redución faise no cómputo anual e permitindo a distribución irregular da xornada, o que suporá que as persoas traballadoras non van poder saír antes do traballo”, sostén Carril.

Por iso insta o Executivo a abandonar os “grandes anuncios propagandísticos que non se corresponden despois con ampliación de dereitos; de xeito que se queremos avanzar neste senso temos que ir a unha xornada laboral de 35 horas semanais, que é unha reivindicación histórica do movemento obreiro”.

Finalmente, a Proposición de Lei incorpora outras cuestións como a necesidade de contar cunha regulación para o teletraballo que reforce os dereitos de desconexión dixital e intimidade das persoas traballadoras.

E con mecanismos que garantan a prevalencia das mellores condicións en materia de xornada para a persoa traballadora contempladas nos convenios sectoriais fronte aos de empresa, xa que actualmente no caso das condicións salariais o Ministerio non fai cumprir esta disposición normativa, tal e como a central sindical ten comprobado coa propia Inspección de Traballo.

Comentarios