Galiza perdeu 21.000 empregos en 2020, segundo a enquisa de poboación activa

A taxa de desemprego xuveníl dispárase até 26,3%, cinco puntos máis que hai un ano.
Persoas agardando ás portas dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Riobó Prada)
Persoas agardando ás portas dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Riobó Prada)

Os datos da enquisa de poboación activa do cuarto trimestre certifican a crise de 2020, o ano en que se iniciou a pandemia da Covid-19, cunha taxa de paro de 12%, superior a 11,8% que tivo en 2019, e cunha perda de 21.000 empregos na Galiza, dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres.

En total rematou o ano cun total de 142.600 persoas desempregadas. A desigualdade continúa a marcar a diferenza e hai 65.400 homes desempregados, cunha taxa de paro de 10,3%, e son 77.300 as mulleres desempregadas, cunha taxa de 13,2%, tres puntos por enriba da masculina. 

Por sectores, servizos lidera a destrución de emprego en termos absolutos (10.900 ocupados menos en 2020, -1,4%), seguido pola industria (9.100 ocupados menos, -5%). Pola contra, creouse emprego en agricultura e pesca (4.000 máis, +6%) e en construción (1.000 máis, +1,3%). 

Outra das realidades que marca a enquisa é o aumento do desemprego xuvenil. Sobre un total de 318.700 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos, 103.400 (32,44%) están ocupadas, 36.900 (11,58%) sen emprego e os 178.400 (o 55,98%) restantes son inactivas. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase en 32,5% no cuarto trimestre de 2020, unha caída de seis puntos nun ano. Daquela, a taxa de desemprego xuvenil dispárase na Galiza até 26,3%, máis de cinco puntos respecto a 2019. 

Entre as sete cidades, Compostela conta coa taxa de desemprego máis baixa (7,5%), seguida de Lugo (7,9%). No outro extremo atópase Ferrol (18,4%). 

Resposta sindical

Diante deste datos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinala que evidencian "a profundidade da crise que xa viñamos vivindo" co "proceso da chamada dixitalización e descarbonización, onde o desmantelamento e a destrución de postos de traballo esta sendo importante". Denuncia políticas "erráticas e inxustas" que se están adoptando "por parte dos gobernos a hora de xestionar esta crise e a necesidade dunha viraxe de 180º nas políticas públicas".

Por este motivo insiste na necesidade "da derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensión e da intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos", entre outras. 

Para UXT, "é o momento de aplicar medidas que recuperen os dereitos laborais perdidos, avanzando na axenda política pendente". Nun comunicado demandan "o aumento do SMI e a

derrogación da reforma laboral" xa que "sen estas decisións os investimentos proxectados no marco do Plan de Recuperación non chegarán aos máis necesitados".

Desde CCOO consideran  que a primeira tarefa da Xunta debe ser atender a crise sanitaria e as persoas máis prexudicadas, tanto nos aspectos sociais como laborais. Porén, o sindicato esixe abordar unha estratexia de desenvolvemento para Galiza "que non se limite a atender os sectores paralizados ou máis afectados pola pandemia, porque hai problemas 'endémicos', especialmente no ámbito industrial".

Comentarios