O persoal traballador de GKN maniféstase en contra dos despidos
A asemblea de persoas traballadoras da compañía viguesa do sector da automoción GKN Driveline, desenvolvida este domingo, apostou por convocar unha folga contra a decisión da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectaría a 72 empregados e empregadas. Tras o encontro o cadro de persoal percorreu en manifestación a distancia entre as instalacións da fábrica e Praza América de Vigo en defensa de todos os postos de traballo.
Na mobilización, que tivo lugar este domingo ao mediodía, participaron, segundo informou a CIG, arredor máis dun milleiro de persoas, posto que ás 725 que compoñen o cadro de persoal sumáronse familiares, amizadas e persoas traballadoras doutras empresas do sector. As manifestantes percorreron as rúas da cidade olívicaao berro de “non ao ERE en GKN” e “dirección dimisión”. Trátase da primeira das mobilizacións anunciadas polo comité de empresa para rexeitar os despidos.
Previamente, por volta das 11.00 horas, realizouse unha asemblea no aparcadoiro da empresa na que se abordou a situación e acordouse promover unha convocatoria de folga e continuar coas protestas. “Tomamos nota do mandato da asemblea, polo que esta segunda feira poreime en contacto cos secretarios das seccións sindicais para formalizar unha convocatoria de folga”, tal e como sinalou o presidente do comité, Pedro Velasco, da CIG.
O responsábel sindical quixo deixar claro que o cadro de persoal “non vai permitir de ningún xeito que a dirección lle falte ao respecto ás persoas traballadoras”. “Até aquí chegamos; non podemos permitir ningún despido en GKN Vigo”, sinalou Valeasco, ao considerar “que no momento no que nos poñamos de perfil e permitamos un despido é o fin da empresa”.
