Persoal de Povisa concéntrase pola actualización do convenio colectivo após 11 anos "conxelado"
Un grupo do persoal traballador do hospital Ribeira Povisa de Vigo concentrouse na mañá da quinta feira ás portas do centro médico para reclamar a actualización do convenio colectivo, xa que as profesionais denuncian que leva 11 anos "conxelado".
Nun comunicado, o comité de empresa censura "os escasos avances nos temas importantes" que tiveron lugar desde que comezaron as negociacións, "no mes de xaneiro do ano pasado".
A concentración tivo lugar despois que a dirección e o os representantes sindicais mantivesen unha xuntanza para abordar cuestións relativas á xornada laboral. O comité de empresa rexeitou a intención da dirección de manter unha xornada laboral "irregular" e "flexíbel".
A Confederación Intersindical Galega (CIG) informou de que as conversas continuarán de novo o vindeiro 16 de febreiro, pero esta vez coa convocatoria da mesa de negociación do convenio.
Peticións das traballadoras
O comité de empesa trasladou á dirección que os temas fundamentais nos que queren avanzar son a consecución dunha mellor xornada laboral e a promoción interna. Precisamente son estes os puntos no que o sindicato critica que se produciron "avances escasos".
As traballadoras lamentan que "o actual convenio leva conxelado 11 anos, polo que en todo este tempo non tiveron suba de soldos".
O CIG sinala que o incremento dos salarios non é o tema principal da negociación. A dirección propón un incremento nas nóminas de 1% en 2021, de 1,5% en 2022 e de 2% en 2023.
As traballadoras seguirán a reclamar a actualización do convenio colectivo. Polo de agora, xa teñen previsto levar a cabo unha marcha o vindeiro día 16, após da convocatoria da mesa de negociación, desde a Praza dos Cabalos até o complexo hospitalario de Povisa.