Segundo detallou nun comunicado a CIG, que preside o comité de empresa, a "escaseza de efectivos" supón "unha sobrecarga de traballo" entre o persoal, que "se ve impotente para levar a cabo unha correcta desinfección das instalacións".
Tras mobilizarse e contactar coa Xerencia do centro nas últimas semanas, a representación dos traballadores e das traballadoras busca "denunciar os incumprimentos de convenio por parte da empresa", que "fai oídos xordos" aos requirimentos da Inspección de Traballo. De feito, afirmou que a "mala xestión do servizo por parte de Acciona" causou "incontábeis queixas e demandas do persoal" das distintas quendas, o que provocou o rexistro da convocatoria de folga.
Así as cousas, a representación sindical solicita 22 novas contratacións, o que "permitiría limpar áreas que agora se descoidan", como "zonas comúns, baños ou vestiarios".
Tamén reclama a creación "dunha comisión paritaria de seguimento" na que "se comuniquen e consulten os incrementos ou diminucións dos contaxios" e "as consecuentes variacións nos criterios de reforzo".
Formación en materia Covid
Ademais, pide que se especifiquen as tarefas que corresponden a cada posto de reforzo das distintas quendas e que se facilite formación teórico-práctica en protocolos Covid e tutorización ás persoas que traballan nesas áreas.
Adicionalmente, o comité de empresa expón que os reforzos se apliquen de segunda feira a domingo e en todas as quendas, e que estes novos traballadores non estean exentos de traballar en certas zonas, así como que os contratos precisos para aumentar o persoal se trasladen "en tempo e forma".
A representación dos traballadores demanda a vixilancia das zonas non receptoras de casos de coronavirus "para mandar unha axuda sempre que os traballos específicos de Covid que vaian xurdindo impidan atender as tarefas cotiás do posto".