Persoal de Ence afirma que haberá despedimentos en Pontevedra
O grupo empresarial Ence estaría elaborando un “plan de axuste que pasaría por reducir persoal” nas súas factorías de Navia (Asturias) e Lourizán (Pontevedra), segundo sinalaron a Nós Diario fontes da representación dos traballadores e das traballadoras da planta do grupo en Pontevedra.
Este xornal tivo coñecemento de varias reunións xa entre a empresa e os representantes do persoal para avanzar con este plan de axuste que, segundo os argumentos ofrecidos pola empresa aos traballadores e traballadoras, obedecería á situación económica de Ence logo de tres trimestres nos que a empresa mediu perdas no seu rendemento económico, explicaron fontes da negociación a Nós Diario.
Malia que fontes do comité de empresa de Ence, consultadas por Nós Diario, non quixeron “de momento” confirmar este extremo, confirmaron que nas vindeiras semanas remitirán información detallada sobre este asunto. Iso si, afirman que “estamos preocupados” pola decisión que finalmente adopte a empresa.
A fábrica de Ence en Lourizán ten pouco menos de 300 traballadores e traballadoras, a redución de que estaría barallando a empresa roldaría no caso de Pontevedra 14% dos empregados actuais da planta, segundo puido confirmar este diario de fontes próximas á negociación. Nós Diario púxose en contacto coa empresa por teléfono e vía email, mais ao feche desta información non se recibiu resposta de Ence.
A comunicación por parte da empresa deste posíbel plan de axuste, segundo as fontes consultadas por este xornal, remontaríase a aproximadamente un mes. Desde entón houbo xa varias reunións a respecto e a representación do persoal na factoría de Lourizán está nunha fase de “diálogo” coa empresa a respecto desta proposta inicial. Nas próximas semanas podería haber algún tipo de posicionamento público dos sindicatos no comité de empresa sobre esta cuestión, avanzan a Nós Diario.
Precisamente na pasada cuarta feira o comité de empresa de Ence concentrouse diante da planta en Lourizán en resposta aos “recortes e despedimentos que a dirección pretende levar a cabo en novembro no servizo médico interno e nas contratas auxiliares”. A mobilización denunciou “o crecente malestar entre os traballadores” diante do que consideran “unha política continuada de precarización das condicións laborais” na planta de celulosa de Lourizán.

