Sanidade

Persoal do transporte sanitario de Pontevedra-Salnés denuncian que Ambulancias Civera "incumpre cos traballadores"

Desde a CIG denuncian que a compañía está "a incumprir de maneira reiterada os acordos asinados coa representación sindical en materia laboral e de prevención de riscos".
Unha asemblea de persoal de ambulancias de Civera o pasado mes de febreiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha asemblea de persoal de ambulancias de Civera o pasado mes de febreiro (Foto: Nós Diario).

Os traballadores do transporte sanitario non urxente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés protagonizaron esta terza feira unha concentración na entrada de consultas do Hospital Provincial para exixir á empresa concesionaria, Ambulancias Civera, que cumpra os acordos en materia laboral.

Desde a CIG denuncian que a compañía está "a incumprir de maneira reiterada os acordos asinados coa representación sindical en materia laboral e de prevención de riscos".

En concreto, sinalan que a empresa non os dotou das cinco cadeiras eléctricas previstas na concesión para que se poida atender os pacientes con dificultades para acceder ao seu domicilio.

Apuntan tamén que segue sen entregarlles a correspondente roupa de traballo e continúa sen lavar os uniformes tal e como estabelece o convenio e a lei de prevención de riscos.

Engaden que en case tres anos Ambulancias Civera non ofreceu un só curso de formación, unha das propostas realizadas pola empresa para obter máis puntos no concurso para facerse con este servizo. E tamén denuncian que non se realizan recoñecementos médicos.

Ademais, os representantes sindicais aseguran que Ambulancias Civera tampouco finalizou as obras pendentes na base, polo que os traballadores continúan contando unicamente cunha soa ducha e carecen dun lugar no que poden lavar a louza que usan nas comidas.

"Non se pagan os festivos"

A estas deficiencias súmase que ao redor de trinta traballadores permanecen sen que se lles pague un festivo porque a empresa, que se xestiona desde Valencia, alega que no País Valencià non se celebraba esta festividade, denuncia Xavier Aboi, representante da CIG. Este responsábel sindical censura que a empresa pretenda tamén abaratar custos á conta da estabilidade do persoal.

Segundo denunciou a CIG esta situación está a provocar un "caos" que tamén afecta as persoas usuarias do servizo, polo que reclaman ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e á Xerencia da área Sanitaria que "tomen cartas no asunto dunha vez por todas" para "garantir un servizo minimamente decente", así como o cumprimento das obrigacións laborais da empresa co seu persoal.

Comentarios