Persoal de Alcoa féchase nos concellos de Xove e Viveiro a 48 horas da última negociación

Traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao fecháronse nos Concellos de Xove e Viveiro este sábado, 26 de setembro, a menos de 48 horas da convocatoria da última mesa negociadora.
 
Traballadores e traballadoras de Alcoa no feche no interior do Concello de Viveiro
photo_camera Traballadores e traballadoras de Alcoa no feche no interior do Concello de Viveiro

O persoal da fábrica de Alcoa en San Cribrao (Cervo) fechou na mañá deste sábado, 26 de setembro, no interior dos consistorios de Xove e Viveiro, cando faltan menos de 48 horas para que teña lugar no Pazo de Cea (NigráN) a última mesa negociadora.

Remata pois o prazo fixado para a negociación da venda da factoría a Liberty House. Se non hai cambios nas últimas horas esta segunda feira a multinacional norteamericana iniciará un expediente de regulación de emprego (ERE) ou un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que deixará na rúa máis de 1.000 traballadoras e traballadores.

"A única solución é que vendan a fábrica e se dea unha continuidade ao emprego na comarca. O resto, non se pode valorar", aseverou o presidente do comité de empresa, Xosé Antonio Zan, en declaracións aos medios ao comezo do feche, que conta co apoio dos alcaldes das localidades -o popular Alfonso Villares (Cervo) e a socialista María Loureiro García (Viveiro)-.

Zan destacou que os rexedores que acompañan os traballadores este sábado proceden de partidos distintos que teñen responsabilidades de Goberno no Estado e na Xunta, Administracións ás que empraza a actuar no caso de que a multinacional estadounidense se negue a vender a planta da Mariña.

"Non se pode permitir que unha comarca enteira vaia ao traste polos caprichos dunha empresa que está moi lonxe de aquí", aseverou o representante dos traballadores, que reivindica que "deste conflito só se pode saír coa continuidade" da factoría en funcionamento.

Neste sentido, lembrou que o persoal decidiu por unanimidade na súa última asemblea que só aceptarán unha solución que supoña a continuidade dos empregos.

"Non imos aceptar o paro de cubas, nin ERTE nin nada que teña que ver co emprego. Así de claro", apostilou antes de subliñar que "non se pode permitir que maten económica e laboralmente unha comarca" que, segundo Zan, volvería "á década dos 70" se fecha a planta, especialmente nun contexto de crise como o actual derivado da pandemia de coronavirus.

"O único que fai falta é intención" Xosé Antonio Zan manifestou que os traballadores aínda confían en atopar unha solución que, ao seu xuízo, depende da "intención" da multinacional do aluminio para aceptar a mediación de Xunta e Estado e encarar o proceso de venda.

"Alcoa, se quere saír ben desta situación, o único que ten que facer é acceder a esta venda ou pór os mecanismos para continuar producindo ao cento por cento, que o pode facer pero xa sabemos que non quere", incidiu para, a continuación, subliñar que "se hai outra multinacional" interesada en San Cibrao, Alcoa debe "dar paso" en recoñecemento a "unha comarca que lle deu tanto durante 40 anos".

Comentarios