A incerteza do final das negociacións de venda non frea o persoal de Alcoa

Horas cruciais para o futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Seguen as mobilizacións do persoal para presionar que se formalice a venda ou haxa unha intervención por parte do Goberno español.
Protesta dos traballadores de Alcoa San Cibrao (Cervo) cortando a estrada N-642(Nós Diario)
photo_camera Protesta dos traballadores de Alcoa San Cibrao (Cervo) cortando a estrada N-642(Nós Diario)

Este domingo 27 de setembro é o último día fixado para a negociación da venda da factoría de  Alcoa en San Cibrao (Cervo) a Liberty House. Se non hai cambios nas últimas horas esta vindeira segunda feira a multinacional norteamericana iniciará un expediente de regulación de emprego (ERE) ou un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que deixará na rúa máis de 1.000 traballadoras e traballadores do complexo industrial contando o persoal das auxiliares.

Na asemblea do persoal da factoría do pasado 23 de setembro anunciábase que continuaba a folga aínda que mantendo as cubas funcionando, un dos factores que desde o comité de empresa consideran esencial para a continuidade a actividade en San Cibrao. 

A presión tamén aumentou esta semana con cortes nas estradas como o que onte ao mediodía realizaron na estrada da Costa (N-642) á altura do cruce do Castelo, no termo municipal de Cervo. Mañá hai convocada unha gran manifestación en Xove que percorrerá o traxecto desde a estación de tren até o Centro Cívico do municipio. 

As razóns de Alcoa

O último comunicado de Alcoa sinalaba que as posturas na negociación con Liberty House estaban moi distantes. Os atrancos, segundo a multinacional norteamericana, viñan polo control da refinaría de alúminia e pola parada das cubas. En todo o proceso de negociación, Alcoa deixaba claro que negociaba "de boa fe" mesmo realizando "varias concesións para chegar a un acordo" fronte a "condicións fóra dos límites do acordo asinado co comité de empresa". 

O propio presidente de Alcoa España afirmaba que "non é realista pensar que se poida asinar un acordo de venda antes do 27 de setembro". Neste escenario desde o comité de empresa informaron que xa teñen na mesa a convocatoria de reunión con Alcoa para o día 28.

A incerteza das últimas horas de negociación

Kike Rocha, portavoz da plataforma das empresas auxiliares de Alcoa, cre que todo o cadro de persoal que traballaba para a multinacional era "escéptico coa intención real que tiñan de vender". Coa situación actual "constata" e deixa en evidencia os seus propositos. "Aínda así quedan dous días e calquera cousa pode pasar", asegura a Nós Diario. Agarda que "os Gobernos da Xunta e do Estado español presionen" para que a venda se formalice. Admite que "como traballadores non contemplamos outro escenario que non sexa seguir loitando por esa venda ou pola intervención". 

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, comenta a Nós Diario que non dan por fechado o proceso que impida a parada de cubas "aínda que cheguemos ao día 28 de setembro". Demanda que o Goberno español "se aplique duro para impedir que Alcoa bloquee toda a mediación".

Desde o sindicato UXT non recoñecen o período de consultas en Alcoa porque, transmiten nun comunicado, "a empresa nunca tivo intención de vender". Para este sindicato a multinacional "enganou todos os traballadores da factoría facéndolles crer que estaba aberta a unha posíbel venda pero a realidade era outra".

Evitar a parada de cubas se é preciso cunha intervención 

As negociacións entre as multinacionais e os Gobernos español e galego son intensas nestas últimas horas. O comité de empresa e os sindicatos non deixaron de presionar para que o proceso rematase en acordo mais non esquecen que hai unha última saída para salvar os postos de traballo. "O Goberno español ten que intervir a planta se Alcoa decide parala", demanda Kike Rocha, aínda que é consciente "do que votaron a semana pasada no Parlamento español de non apoiar a intervención tal e como solicitaba a moción do BNG".

Esta solución segue presente máis alá do remate das negociacións destas semanas. "Aínda que cheguemos ao día 28 a Alcoa non se lle vai asinar unha parada de cubas baixo ningún concepto", explica Paulo Carril, "hai que impedir que o faga a través dunha intervención pública".

Comentarios