domingo 01/08/21

As pensións da xeración do 'baby boom' sufrirán un "axuste moderado"

Os 'baby boomers' condicionarán o novo mecanismo de equidade interxeracional que substitúe o actual factor de sostibilidade.
O presidente Pedro Sánchez asina na Moncloa o acordo para a reforma do sistema de pensións (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
O presidente Pedro Sánchez asina na Moncloa o acordo para a reforma do sistema de pensións (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

O Goberno español e os axentes sociais asinaron hoxe o acordo para a reforma do sistema público de pensións. Trátase dun documento que recolle como principais novidades a actualización das pensións co IPC, as penalizacións á xubilación anticipada e a supresión do coñecido como factor de sostibilidade, unha fórmula introducida polo PP na súa reforma de 2013 que será substituída polo que se coñece como mecanismo de equidade interxeracional

Este mecanismo, definido en termos xerais no novo acordo pero pendente de concretar ─as partes déronse de prazo até o vindeiro 15 de novembro para despois incluílo na reforma cunha emenda ao proxecto de lei─ producirá un "axuste moderado" sobre a pensión dos chamados 'baby boomers', as persoas nadas entre finais dos anos 50 do século pasado até os inicios dos 70.

Así o advertiu nunha entrevista televisiva o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, quen explicou que o factor de sustentabilidade, introducido na reforma de 2013 e eliminado no acordo de pensións asinado onte, estaba "mal definido" porque vinculaba as pensións ao aumento da esperanza de vida, afectando a todas as futuras pensionistas, ademais de maneira indefinida.

Escrivá recoñeceu que o problema de sustentabilidade das pensións está "moi concentrado conxunturalmente" na xeración das chamadas 'baby boomers', polo que o novo mecanismo estará encamiñado a que esta xeración, que é a "máis ancha" da pirámide poboacional, asuma "algo do esforzo" para moderar o gasto en pensións.

"É un axuste bastante moderado. Non verán minguada a súa pensión, poderán elixir entre un axuste pequeno na súa pensión ou alternativamente poderían traballar algo máis. Temos aínda que concretar os detalles", explicou o ministro.

Escrivá indicou que no acordo de pensións o problema da esperanza de vida abórdase procurando que a idade efectiva de xubilación se vaia achegando á idade legal e tamén co aumento gradual da idade de xubilación legal até os 67 anos.

O ministro tamén se referiu á ampliación do período de cálculo da pensión, que se tratará o ano que vén, no seguinte bloque da reforma das pensións. Esta medida, insistiu, debe acompañarse dunha "maior xenerosidade" nas lagoas de cotización e da posibilidade de descartar os peores anos de cotización.

Sobre a primeira pata da reforma, a asinada en Moncloa nesta quinta feira, o ministro agarda que chegue ao Congreso a principios de setembro e entre en vigor a finais de ano, para que algúns dos seus elementos, como a revalorización das pensións co IPC, poida estar vixente xa en 2022.

Nada acordado

Pola súa banda, os sindicatos responderon durante o acto de sinatura do acordo ás declaracións do titular de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, deixou claro que non hai ningunha proposta agora mesmo encima da mesa que defina nada que teña que ver co novo mecanismo de equidade.

"Comparto o que dicía Pepe ─en alusión ao secretario xeral de UXT─, non imos empezar a negociación hoxe, porque non parece o máis prudente, pero si quero facer unha reflexión con isto das xeracións e do gasto en pensións: o que ten que resolver España de forma permanente e democrático é que parte da riqueza que se xera no país está disposto a gastarse en pensións en cada momento histórico", sinalou Sordo, que lembrou que o Estado español gasta pouco menos de 11% do PIB en manter o sistema de pensións, mentres que a mediados de século este gasto vai subir até situarse por encima do 14% do PIB.

"Para os sindicatos a resposta é que si, que hai que apostar por incrementar o gasto en pensións para garantir a suficiencia das pensións de agora e até 2048 e a partir de aí falamos de índices de financiamento e do que se queira", engadiu.

Con todo, alertou de que o de sustentabilidade é un concepto "perverso e tramposo" xa que hai quen "desliza" que o sistema se teña que sufragar só con cotizacións cando non é así.

comentarios