martes 09/03/21

A Xunta dificulta o acceso aos expedientes das residencias

Falta de profesionais e accesibilidade, entre os principais incumprimentos da normativa en residencias.
A falla de accesibilidade salienta nas inspeccións a xeriátricos (Foto: Europa Press)
A falla de accesibilidade salienta nas inspeccións a xeriátricos (Foto: Europa Press)

A falta de profesionais e as deficiencias na accesibilidade figuran entre os principais incumprimentos detectados en residencias no marco das inspeccións realizadas pola Xunta da Galiza nos últimos anos, segundo informou esta quinta feira, 18 de febreiro, no Parlamento galego a secretaria xeral técnica da Consellaría de Política Social, María Francisca Gómez. Cos datos expostos, as principais razóns que motivaron a apertura de expedientes sancionadores debéronse a infraccións leves, como a falta de actualización de información documental e deficiencias estruturais das instalacións, como a presenza de humidades e a falta de accesibilidade, mobiliario e utensilios adecuados. 

A secretaria xeral técnica explicou que se constataron infraccións graves, como a falta de persoal suficiente ou sen a titulación adecuada, e moi graves, como a obstrución ao labor inspector. Así, indicou que se detectaron centros que non dispuñan de profesional de Enfermaría, que debe estar localizábel ou presente de modo continuo, dependendo do número de usuarias.

A deputada do BNG Olalla Rodil denunciou que non se trasladase aos grupos políticos a información sobre os expedientes sancionadores abertos nos últimos anos nos centros residenciais, o que a secretaria  xeral técnica achacou á protección de datos dos usuarios, xa que nos informes se reflicten aspectos como o seu estado de saúde. En todo caso, apuntou que os servizos xurídicos da Xunta determinaron que os deputados do BNG poderán consultar esta información cando o consideren nas dependencias da Consellaría de Política Social, algo que enfadou o BNG, pois esa opción xa aparece recollida no regulamento da Cámara mais até esta quinta feira non se lles deu permiso para facelo, denunciou Rodil. 

Traslado de positivos en residencias

A deputada do Partido Socialista Marina Ortega instou a Xunta da Galiza a evacuar todos os casos positivos das residencias de maiores a centros intermedios, unha medida que lembrou que xa pediu a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. 

Nesta liña, recalcou que un informe do CSIC avoga polo traslado de pacientes con Covid-19 a centros de terceiro nivel para conter os gromos e preservar a saúde física e mental das e dos demais residentes, que a pesar de non presentaren a enfermidade deben permanecer confinados nos seus cuartos. 

Reclaman apoio estábel á investigación médica

Apoio da Xunta da Galiza "permanente, estábel e sistemático no tempo á investigación sanitaria”, demandou o portavoz parlamentar de Sanidade do Partido Socialista, Julio Torrado, que lamentou que, pese ao aumento das partidas no ano 2021, os fondos consignados pola Xunta da Galiza para a investigación sanitaria se reduciran 11,5% durante os dous anos anteriores. En todo caso, Torrado reprobou que o Goberno galego destine menos de 1% do seu orzamento á investigación, unha cifra inferior á media estatal, e criticou que o investimento propio para proxectos extraordinarios relacionados co coronavirus represente 0,00002% do total.

Pola contra, o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, destacou que os fondos destinados pola Xunta ao programa de investigación sanitaria incrementaron 121% nos orzamentos de 2021. 

Así respostou a Torrado na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego que esta quinta feira decorreu no Parlamento galego. O deputado socialista aproveitou tamén a comparecencia do xerente do ACIS para denunciar a "precariedade" que sofren as e os investigadores que "levan anos demandando un convenio laboral decente" e o feito de que grupos de investigación como o científico do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) non recibiran financiamento da Xunta da Galiza. A este respecto, o xerente de ACIS explicou que "por primeira vez" se negocia para alcanzar un convenio colectivo con estas e estes traballadores e confiou en alcanzalo pronto.

En canto aos grupos de investigación aos que non se destinou investimento procedente da Xunta, Fernández-Campa apuntou que, ante o financiamento de proxectos mediante convocatorias de organismos externos á Galiza, "pareceu lóxico" que as convocatorias lanzadas por ACIS e GAIN se adxudicaran a iniciativas que non recibiran apoio.

Ademais, Fernández-Campa remarcou que o Instituto de Saúde Carlos III destinou 530.000 euros a sete proxectos galegos con fondos achegados pola Unión Europea (UE), mentres que o investimento nas convocatorias autonómicas ascendeu a case 3,5 millóns de euros e apoiou 25 iniciativas.

comentarios