O paro sobe na Galiza nun contexto no que se reduce no Estado

(Foto: Arxina)

Setembro deixa 1.790 persoas máis rexistradas no desemprego mentres que nese mes reduciuse no Estrado en 76.113.

O paro rexistrado o pasado de setembro só aumentou no Estado español en 5 territorios, un deles Galiza, onde hai agora 1.790 persoas máis rexistradas no desemprego que cando empezaba ese mes. No Conxunto do Estado a cifra de persoas no paro rexistrado baixou en 76.113.

Así pois, mentres no Estado o desemprego se reducía en setembro na Galiza aumentaba a unha media de 60 novos parados e paradas cada día.

Este aumento do paro rexistrado, 1,18%, contrasta coa redución no Estado, -2,26%. Se establecemos a comparativa interanual, na Galiza o desemprego caeu en -13,3%, un descenso lixeiramente menor á media do Estado no mesmo período, que foi de -13,7%.

E onde se deu en setembro a suba do paro rexistrado? No sector servizos, onde hai 1.973 persoas máis no desemprego. Un aumento que varreu os descensos no resto de sectores: agricultura (-57), industria (-170) e construción (-164).

Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle,  hai “moito ruído da Xunta en anuncios mediáticos e macroxuntanzas na Toxa e poucas noces na realidade da vida da xente que segue a estar condicionada pola desertización industrial do país”

En relación cos contratos, 96.615 en setembro, son 16.384 máis que o mes anterior (+20,42%) e 13.453 máis que un ano atrás (+16,18%). Foron 8.414 indefinidos (2.278 máis que en agosto, +37,13%; e 1.551 máis que en setembro de 2020, +22,6%) e 88.201 temporais (14.106 máis nun mes, +19,04%; e 11.902 nun ano, +15,6%). No acumulado, Galiza presenta 667.794 contratos, a maior parte (o 90,43%), son temporais, un total de 603.902, fronte aos 63.892 indefinidos (o 9,57%).

O dato de paro de setembro, do mesmo modo que ocorreu nos meses anteriores, non inclúe os traballadores e traballadoras que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), xa que a definición de paro rexistrado non os contabiliza como desempregados.

Para a CIG, a situación confirma o carácter estacional do emprego en Galiza, a grave situación de temporalidade do noso mercado de traballo e a dependencia do sector Servizos. Así o sinala o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, quen denuncia que hai “moito ruído nas propostas do que o Goberno vai facer e poucas noces ao consolidar na práctica o modelo da precariedade e da rotación no mundo do traballo. Moito ruído nas medidas para favorecer a muller no mundo do traballo e poucas noces afondando nun mundo do traballo que segue a marxinar á muller. Moito ruído da Xunta en anuncios mediáticos e macroxuntanzas na Toxa e poucas noces na realidade da vida da xente que segue a estar condicionada pola desertización industrial do país”.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os datos "son incontestabelmente malos" porque, ademais de aumentar o paro, sinala,  redúcese a afiliación á Seguridade Social un 0,15 % (1.607 persoas menos) respecto ao mesmo período do mes anterior