venres 21/01/22

O paro caeu en 2021 na Galiza a un ritmo inferior ao estatal

Recupéranse os niveis de emprego previos á irrupción da pandemia, pero aínda con máis de 150.000 persoas paradas.
Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
Oficina de emprego de Compostela (Foto: Arxina).

O Ministerio de Traballo e Economía Social publicou esta terza feira os datos actualizados en materia de emprego, unha vez engadidos os rexistros do pasado mes de decembro.

Segundo esta información, o paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego experimentou en 2021 un descenso de 782.232 persoas desempregadas no conxunto do Estado (-20,1%, isto é, a maior caída anual de toda a serie histórica, iniciada en 1996).

Deste modo, o volume total de parados e paradas alcanzou ao remate do exercicio a cifra de 3.105.905. É o dato máis baixo nun feche de ano desde 2007, e supón 140.142 desempregados menos que en febreiro de 2020, xusto antes de que principiase a pandemia.

Con todo, o descenso do paro non é tan pronunciado na Galiza, que fecha o ano con 37.033 demandantes de emprego menos (-19,52%, na variación interanual), seis décimas menos que a media estatal.

No que atinxe á comparativa mensual, en decembro rexistrouse un descenso de persoas paradas de 163 (-0,11%, fronte a -2,41% do conxunto do Estado). Deste modo, hoxe hai na Galiza 152.584 persoas en paro.

Medran as afiliacións, caen os ERTE

Tamén medraron o pasado decemvro as afiliacións á Seguridade Social até facer un total de 1.032.784 (30.624 máis que ao remate de 2020, o que supón unha repunta de 3,06%). A media estatal reflicte unha suba de 4,08%.

Paralelamente á recuperación do mercado laboral, cae de forma significativa o número de persoas perceptoras dun ERTE. Así, se no momento da súa aprobación, en abril de 2020, había en territorio galego 140.639 traballadoras e traballadores acollidos a esta medida, en novembro de 2021, os últimos datos actualizados polo Ministerio de Traballo, apenas quedaban 6.625 (a metade que no mes anterior).

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O paro caeu en 2021 na Galiza a un ritmo inferior ao estatal
comentarios