Novo accidente laboral: morre atropelado un operario de guindastre mentres auxiliaba un vehículo en Santiago
Un operario de guindastre morreu após ser atropelado na noite da pasada terza feira mentres auxiliaba un vehículo avariado na autovía AG-56, no quilómetro 1.4, ao seu paso por Santiago de Compostela.
Segundo informan fontes do 112-Galiza citadas pola axencia Europa Press, sobre as 22.45 horas recibiu a chamada dun particular informando deste atropelo na autovía. Inmediatamente deuse aviso a Urxencias Sanitarias, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil, entre outros.
O home, de 56 anos de idade e veciño de Pontecesures (comarca de Caldas), era traballador de Grúas Castmart. O funeral será na tarde desta quinta feira na igrexa de San Xulián, en Pontecesures. A Asociación Nacional de Empresas de Auxilio na Estrada emitiu un comunicado no que lamenta este falecemento e expresa as súas condolencias a familia e amigos.