Sen noticias do buque galego en corentena por Covid no Brasil

As familias da tripulación do arrastreiro Venturer están molestas coa Administración española e coa compañía propietaria da embarcación pola falta de información. 
O arrastreiro Venturer (Cedida)
photo_camera Imaxe do barco afectado. (Foto: CIG)

A CIG trasladou hoxe o "profundo malestar" existente entre as familias e os tripulantes do arrastreiro Venturer, con base no porto de Vigo, que permanecen confinados no Brasil tras detectarse un gromo de Covid-19 a bordo ante a falta de información.

Desde a central nacionalista denuncian que a compañía propietaria da embarcación, o grupo galego Pescapuerta, "semella máis preocupada por volver traballar canto antes que polos seus empregados", ao tempo que critican que as Administracións públicas “continúan desaparecidas”.

O responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, sinala que tanto os tripulantes como as súas familias están moi molestos pola falta de información sobre o que está acontecer. "Os que permanecen dentro do barco non reciben información, até o punto de que teñen que facer novas probas PCR, mais non se lles comunicou", advirte o sindicato.

A Xunta e o Goberno estatal, "desaparecidos"

Aboi explica que dos cinco afectados que estaban ingresados en centros hospitalarios quedan aínda dous, un cidadán peruano e outro galego. Este último atópase nunha situación "moi delicada", xa que permanece entubado e sedado na unidade de coidados intensivos.

"Sabemos que o Consulado está a falar co capitán mais sospeitamos que por orde da empresa non está a facilitar información”. De igual xeito, censura que as Administracións, tanto a española como a galega, "continúan desaparecidas". 

O buque Venturer partiu do porto de Vigo o pasado 14 de xaneiro con 64 persoas a bordo para faenar no caladoiro das Malvinas tras facer as pertinentes probas de detección do novo coronavirus e pasar unha semana de corentena dun hotel da cidade.

De feito, algúns dos tripulantes do arrastreiro Ventures de Vigo tiveron que quedar en terra tras daren positivo.

Comentarios