Mobilizacións contra os despedimentos e o feche de oficinas do Santander

A proposta de expediente de regulación de emprego (ERE) do banco destruiría 370 postos de traballo e fecharía 79 oficinas na Galiza.

Concentración diante do Banco de Santander na Coruña (Nós Diario)
photo_camera Concentración diante do Banco de Santander na Coruña (Nós Diario)

As mobilizacións contra o fechamento de oficinas e o expediente de regulación de emprego (ERE) que propón o Banco de Santander estiveron este sábado diante das oficinas centrais desta entidade na Coruña e Vigo. Segundo informan desde a CIG que a entidade vai aplicar na Galiza unha redución de 79 oficinas que significaría a destrución de 370 empregos.

"Sabemos que hai traballo de abondo no banco, que non podemos seguir fechando oficinas, que aquí non sobra ninguén, se acaso falta unha adecuada xestión dos recursos do banco", subliñan desde a sección sindical da central nacionalista.

A CIG mantivo unha reunión esta pasada quinta feira cunha representación do BNG para abordar as consecuencias que ten para Galiza, tanto a nivel laboral como social, este novo ERE.

Externalizar o emprego

Desde a CIG denuncian “o escandaloso número de despedimentos, na negociación do ERE” no que o Santander “fala de externalizar traballos bancarios a empresas do grupo creadas expresamente para esa finalidade”. Explican que se estabelecen centros de traballo por todo o Estado (na Galiza serán na Coruña e Compostela), para recolocar a 900 persoas.

Esta reestruturación suporá, segundo a central nacionalista, “unha precarización das condicións laborais, xa que os convenios que se aplican nestas empresas son inferiores ao de banca”.

Outro dos problemas que terá o persoal é “a ampliación da mobilidade xeográfica que afectará a todas as traballadoras e traballadores”.

Desde a CIG sinalan que “ningún destes procesos é voluntario, pois o banco decide quen marcha e quen queda” e por iso reiteran que "a CIG non imos ser cómplices co noso silencio desta nova agresión ao cadro de persoal e seguiremos na rúa denunciando a realidade laboral no Banco Santander".

Comentarios