Sindicatos convocan seis novas xornadas de folga no metal da Coruña

As protestas son para reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector do siderometal na Coruña.
Manifestación do persoal do metal na Coruña, o pasado 18 de maio. (Foto M. Dylan  Europa Press)
photo_camera Manifestación do persoal do metal na Coruña, o pasado 18 de maio. (Foto M. Dylan Europa Press)

Traballadores do metal da provincia da Coruña anunciaron esta sexta feira seis novas xornadas de folga e mobilizacións en demanda dun convenio. Trátase dunha convocatoria unitaria promovida polos sindicatos CIG, CCOO e UXT que decorrerá os días 7, 8, 9, 28, 29 e 30 de xuño.

"Entendemos que debemos ser máis contundentes e abarcar máis empresas para poder saír deste conflito dignamente", apuntou o portavoz de CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño.

As protestas son para reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector do siderometal na Coruña e co obxectivo, segundo explicaron os seus representantes sindicais, de garantir o poder adquisitivo dos salarios e recoller melloras laborais e sociais. Tamén piden a subrogación de traballadores de empresas de mantemento.

Os representantes sindicais anunciaron tamén que mentres duren as negociacións van tentar "prohibir totalmente as horas extras".

Mesa de negociación

O 1 de xuño está convocada unha reunión coa mesa de negociación. Así o apuntou Caamaño, quen asegurou que os sindicatos están "dispostos a negociar calquera cousa que sexa moito mellor" que o que presentaron na última cita —decorrida o pasado 6 de abril— que foi "totalmente infumábel".

Pola súa parte, o responsábel de UXT-FICA Galiza, Juan Ramón Paseiro, pediu á patronal que "non se empecine en crear traballadores escravos". "Temos dereito a un salario e a un convenio digno e esta loita non vai parar até alcanzar ese obxectivo", concluíu.

"Esperamos que a patronal negocie de boa fe", indicou o responsábel de CCOO-Industria na Coruña, Arturo Julián Vázquez, quen engadiu que este convenio "non pode seguir secuestrado máis tempo".

Comentarios