Día Contra a Violencia Machista

O índice de resolucións das denuncias por violencia machista no traballo é de 0,8%

O ámbito laboral segue a ser un lugar pouco seguro para moitas mulleres. Sindicatos como a CIG e CCOO denuncian que os sectores con máis casos de acosos están na saúde, comercio, hostalaría e servizos.
Concentración diante do Concello de Ourense en protesta pola situación do SAF en novembro de 2019 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración diante do Concello de Ourense en protesta pola situación do SAF en novembro de 2019. (Foto: Nós Diario)

A violencia machista está presente na vida laboral das mulleres. Non conta con datos estatísticos como noutros ámbitos e, en moitas ocasións, queda agochada tras a problemática da precariedade. Porén, os sindicatos posúen exemplos abondo como para facer unha primeira radiografía do que están a padecer as traballadoras a diario. 

Os casos que se coñecen están relacionados con abusos, ameazas e mesmo con ataques físicos que poñen en perigo a saúde e o benestar das vítimas. Non é igual en todos os sectores e pode estar provocada pola clientela, por compañeiros ou pola propia dirección da empresa.

Existe unha lexislación específica e protocolos mais os casos continúan. Segundo a  secretaria da Muller de CCOO, Mamen Sabio, unha das razóns está en que “o índice de resolucións das denuncias é moi pequeno, de 0,8%”.

A violencia laboral contra as mulleres vai por sectores

A secretaria comarcal das Mulleres da CIG da Coruña, Marga Corral, explica a Nós Diario, que hai violencias contra as mulleres que se dan en todos os sectores, como por exemplo as relacionadas cos coidados e a demanda de conciliación que, en moitos casos, “rematan en ameazas e acoso que se multiplica con factores como a idade da vítima”. 

Mamen Sabio sinala que as violencias comezan por actitudes "que podemos chamar de microviolencias que as mulleres vivimos desde o inicio da nosa vida laboral". 

Por sectores, no da saúde, segundo a CIG, a violencia contra as traballadoras procede, en gran medida, das persoas usuarias como consecuencia da precariedade da sanidade pública.

Tamén hai agresións sexuais neste ámbito por parte de compañeiros. “Temos un caso acontecido na sanidade privada cunha agresión sexual nun quirófano por parte dun médico a unha enfermeira”, relata Corral. 

Algunhas das denuncias por agresións proceden de fisioterapeutas e, máis recentemente, por traballadoras do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) que denunciaron acoso sexual. Corral indica que desde a central nacionalista “instamos a que deran de baixa a usuarios que realicen acoso sexual ao non ser unha causa para quedar sen ese servizo. A situación probouse con vídeos e esa traballadora quedou apartada mais quen cometeu as agresións segue co servizo”.

Sabio coincide en que estas mulleres están “moi desprotexidas ao traballar en domicilios particulares nos que moitas veces o acoso non procede da persoa usuaria, senón da súa contorna”. 

No ámbito do comercio, a CIG detectou que hai un incremento das violencias no propio acceso ao emprego. “Aumentaron as entrevistas por videoconferencia e mesmo o intercambio de información por WhatsApp, neste caso tivemos moitas denuncias por empresarios que solicitaban fotos das aspirantes para que se proben unha serie de prendas e a conversa remata cun contido sexual”, explica Corral. 

Na hostalaría e servizos os casos de acoso sexual máis numerosos están nas camareiras da restauración ou en hoteis. “Neles sempre está o compoñente de precariedade, con temporalidade e salarios baixos que fai que teñan que aturar esta situación”, sentenza Corral. 

As empresas deben adoptar medidas contra o acoso

Existe na actualidade lexislación para actuar nunha variedade casos. A CIG lembra que desde 2007 todas as empresas deben adoptar medidas dirixidas, por exemplo, ao acoso.

A ratificación por parte do Estado español do convenio da Organización Internacional do Traballo (OIT) implica que é de obrigado cumprimento que desde xuño de 2023 que as empresas detecten e actúen en caso de violencia machista.

Desde a UXT lembran que se están a dar pasos, "como nos dereitos das traballadoras do fogar e contra a violencia e o acoso, que custou anos de reivindicacións". Malia todo, para CCOO, ten que haber "un desenvolvemento normativo" que sinale as empresas "os parámetros mínimos", igual que acontece cos plans de igualdade que se teñen que pór en práctica nos postos de traballo.

Comentarios