"Alto seguimento" no "día preparatorio" da folga nas tendas de Inditex

"Case todo fechado", segundo a CIG, sindicato convovado do paro desta quinta feira e a folga desta sexta.

folga inditex foto cig-min

A primeira xornada de folga nas tendas de Inditex da provincia da Coruña rexistrou un “amplísimo seguimento”, segundo a CIG. Aínda que a convocatoria de paro desta quinta feira fíxose pensando naquelas marcas nas que a multinacional adianta as ofertas do Black Friday, (como Massimo Dutti ou Tempe), na cidade herculina moitas traballadoras doutras cadeas acordaron sumarse xa á folga, avanzando así que a xornada de folga desta sexta feira (á que se suman todas as cadeas e localidades da provincia) será un rotundo éxito.

O alto seguimento e a elevada participación no piquete que percorreu durante toda a mañá a céntrica Praza de Lugo da Coruña, permiten adiantar para a central sindical nacionalista que a folga rexistrará un seguimento histórico en todas as cadeas e cidades. “E iso malia as tentativas da multinacional de desactivar as traballadoras enviando no día de onte mensaxes a través da intranet destacando as bondades do pacto asinado con CCOO e UGT en Madrid e intentando amedrentar o persoal ao advertilo de posíbeis incidentes”.

"Somos as pobres de Inditex"

Nun ambiente festivo e cheo de cánticos alusivos aos salarios que cobran, as traballadoras ían explicando os motivos polo que decidiron ir á folga: lograr unha equiparación salarial co persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triplo de salario que as dependentas; e que se lle recoñezan as melloras sociais e laborais que xa teñen outros colectivos dentro da multinacional.

Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, lembra que o salario base das dependentas é 1080 euros ao mes, que levan tres anos cos soldos conxelados e que os poucos pluses que perciben son moi inferiores aos que existen noutras empresa do grupo. Porén, Inditex non quería sentar a negociar coas traballadoras e "cando o conseguimos puxeron como condición negociar só as cuestións económicas para subir o salario a través dun plus, sen tocar o resto de materias".

Nas diferentes asembleas celebradas pola provincia, as dependentas manifestaron o seu rexeitamento á proposta patronal, por considerar que non corrixe a discriminación retributiva que sofren e porque Inditex ten a suficiente capacidade económica para pór enriba da mesa un incremento dos salarios que verdadeiramente poida cualificarse como digno.

"Por iso seguimos adiante coa folga e non descartamos ter que convocar novas xornadas en decembro xa que non sabemos nada da empresa, nin parece disposta a moverse", adianta Domínguez.

A respecto da percepción social da súa loita, as delegadas da CIG salientan que nos repartos de panfletos feitos ao longo da última semana "percibimos unha recepción moi boa por parte da cidadanía"; e matizan "tamén é certo que hai moito descoñecemento de cales son as nosas condicións salariais reais e cando llo explicamos, comprenden as nosas reivindicacións". E conclúen resumindo a súa situación nunha frase: "somos as pobres de Inditex".

Comentarios