Iniciativa lexislativa popular da CUT pide unha solución á “fraude da temporalidade” no sector público

O sindicato reclama un proceso selectivo único e extraordinario de consolidación de emprego para a adquisición de 'fixeza' do persoal.

Imaxe de arquivo dunha caravana de coches manifestándose en Compostela, ante a sede da Xunta (Foto: Arxina).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha caravana de coches manifestándose en Compostela, ante a sede da Xunta (Foto: Arxina).

A Central Unitaria de Traballadoras rexistrou na mañá desta segund afeira unha iniciativa lexislativa popular (ILP)  para urxir ao Goberno galego a adoptar unha solución definitiva “á fraude e a temporalidade que levan décadas asolagando todo o que atinxe ás administracións públicas Galegas:  Xunta, ensino,  sanidade, coidados de maiores e menores, servizos municipais,  medios públicos galegos...”

O sindicato sinala no texto da iniciativa que “na Administración Xeral galega e no resto de entidades do sector público os indicadores de temporalidade e, por tanto, de traballo precario sometido a trato discriminatorio, teñen disparado nas últimas dúas décadas, chegando a acadar en ocasións cotas do 80% de temporalidade”.

Ao entender da CUT, as recentes resolucións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea abren un novo marco lexislativo que ordenan e permiten procurar solucións que poñan fin á discriminación e a precariedade no ámbito do emprego público.

Na proposta da CUT ínstase ao Parlamento a aprobar un mecanismo excepcional, celebrado por unha soa vez, consistente nun concurso de méritos que garanta a consolidación de emprego, á vez que solicita a suspensión dos procesos selectivos e de provisión de postos de traballo ata a posta en marcha deste proceso de consolidación. Tamén se prevé o establecemento de mecanismos sancionadores aos titulares de órganos de xestión de persoal que provoquen novas fraudes de lei.

Tras o rexistro da iniciativa e unha vez aceptado o trámite polo parlamento galego, a CUT anuncia o inicio da recollida das 10.000 sinaturas requiridas, acompañada dunha campaña de concienciación a prol da estabilización do persoal do sector público galego.

Comentarios