Goberno español e axentes sociais acordan a nova prórroga dos ERTE

O acordo final para a prórroga dos ERTE aproxímase máis ás propostas de exoneracións da patronal e Cepyme
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha recente intervención no Congreso das Deputadas (Foto: R. Rubio / Europa Press).
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha intervención no Congreso (Foto: R. Rubio / Europa Press).

O Goberno e os axentes sociais alcanzaron hoxe un preacordo para prorrogar os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até o 30 de setembro.

O preacordo permite prorrogar a aplicación das medidas de flexibilidade que se adoptaron desde o comezo da crise sanitaria, así como as medidas extraordinarias en materia de exoneracións nas cotizacións á Seguridade Social das empresas.

Tamén prorroga as medidas extraordinarias en materia de protección por desemprego das persoas traballadoras e todas as medidas complementarias encamiñadas a evitar despedimentos e a destrución de postos de traballo, apuntan desde o Executivo español nun comunicado.

Como novidade e co gallo de incentivar a activación do emprego, nesta ocasión inclúense unhas exoneracións maiores para os casos das persoas traballadoras que se reincorporen á actividade: do 95% para as empresas con menos de 50 traballadores e do 85% para as que teñen 50 ou máis nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Cando manteñan aos traballadores suspendidos, haberá unha exoneración do 85% en xuño, xullo e agosto e do 70% en setembro se a empresa ten menos de 50 traballadoras. No caso de contar con 50 traballadores ou máis, as exoneracións serán do 75% en xuño, xullo e agosto e do 60% en setembro.

Tamén hai cambios na lista de sectores ultraprotexidos, na que entran tres novos (Confección doutras pezas de vestir e accesorios; Comercio de café, té, cacao e especias, e Actividades de fotografía) e saen cinco (Artes gráficas e servizos relacionados coas mesmas; Fabricación de instrumentos de óptica e equipo fotográfico; Comercio polo miúdo de computadores, equipos periféricos e programas informáticos en estabelecementos especializados; Transporte espacial, e Alugueiro de medios de navegación).

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, no Estado español hai actualmente ao redor de 558.000 persoas traballadoras en situación de ERTE ─unhas 27.000 na Galiza─. Do total, unhas 137.000 atópanse en ERTE por limitación e preto de 16.300, por impedimento. Do resto, pouco máis 233.000, encádranse entre os sectores ultraprotexidos ou en actividades vinculadas a eles.

Comentarios