A Galiza rexistrou en marzo o maior incremento de despedimentos do Estado

Máis de 5.000 persoas víronse afectadas na Galiza por suspensións de contratos.
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Riobó Prada).

A Galiza rexistrou o pasado mes de marzo o maior incremento de despedimentos do Estado español. Segundo os datos provisionais do Ministerio de Traballo, 6.117 persoas se viron afectadas por expedientes de regulación de emprego (ERE), suspensións de contrato ou redución de xornada, o que supón 5.051 máis (+473%) que no mesmo período do ano anterior.

Do total de traballadores e traballadoras afectadas no país, a gran maioría (5.701) se viron inmersas nun procedemento de suspensión de contrato, en tanto que 81 persoas (35 máis que en marzo de 2021) foron obxecto de despedimentos colectivos. 

Pola contra, o persoal afectado por redución de xornada diminuíu 10,2% no terceiro mes do ano, cun total de 335 traballadores e traballadoras prexudicadas na Galiza. 

Estes datos se coñecen no mesmo día que o Instituto Galego de Estatística (IGE) revelou que 27% dos fogares galegos viu reducidos os seus ingresos en 2020 debido á pandemia, con case 290.000 familias. Con todo, máis de 70% dos fogares mantivo o seu nivel de ingresos a pesar da crise do coronavirus, mentres que 2% incrementou os seus nese mesmo período.

Respecto ás contías, uns 90.775 fogares deixaron de percibir en 2020 entre 1.000 e 2.500 euros, mentres que no caso doutros 67.233 fogares o importe oscilou entre os 2.500 e 5.000 euros. Contías superiores, entre 5.000 e 7.500 euros, foron o que perderon 35.255 familias na Galiza e os 8.396 fogares restantes viron afectados os seus ingresos en máis de 15.000 euros, segundo o IGE.

Medra o PIB

Onte tamén, o IGE deu a coñecer o dato do produto interior bruto (PIB) galego correspondente ao primeiro trimestre deste ano, que aumentou 5,1% en taxa interanual e 0,7% en relación ao anterior trimestre.

Nos tres primeiros meses do ano, o gasto en consumo final medrou 3,2% nos fogares galegos, mentres que as exportacións aumentaron 4,3%.

No que respecta a a oferta, en termos anuais os servizos subiron 8,7% e a industria manufactureira 2,1%. Pola súa banda, o sector primario creceu 1% e a construción baixou 1,8% pola  crise de materiais.

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego creceu no último ano 4,2%. As ramas de actividade nas que máis aumentou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalaría (+10,6%), coas actividades profesionais (+4,5%) e co sector da construción (+5%).

Comentarios