Galiza, no podio dos territorios da UE con máis traballadores a través de ETT

Un 5,1% das persoas asalariadas na Galiza, Asturies e Cantabria traballan a través de axencias de emprego temporal, porcentaxe que na media europea é de 2,1%. 

Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)
photo_camera Operario nunha empresa de automoción (Ceaga)

Galiza fai parte da zona que ocupa o cuarto posto a nivel de Unión Europea en canto ao peso dos traballadores e traballadoras contratadas por ETT (axencias temporais de emprego) a respecto do total de asalariadas.

Recólleo o portal estatístico da UE, Eurostat, que indica que na zona conformada por Galiza, Asturies e Cantabria 5,1% das empregadas e empregados entre 20 e 64 anos traballan a través dunha ETT. A media europea é de 2,1%, tres puntos menos.

A media no Estado español é de 4,1%, maior ca española pero por baixo da galega.A estatística abrangue aquelas persoas traballadoras de entre 20 e 64 anos de idade.

Tan só outras tres áreas teñen máis traballadoras e traballadores a través destavía. A clasificación está liderada polo norte de Holanda (Groningen, Friesland e Drenthe), con 6,6% das persoas asalariadas empregadas a través de ETT.

A seguir figura a rexión alemá de Bremen, con 5,3% dos traballadores e traballadoras; e a conformada por Catalunya, Valencia e Balears, onde esa porcentaxe é de 5,1%.

Entre as áreas con menos peso das e dos empregados a través de ETT figuran, por exemplo, todas as de Suecia, Noruega, Dinamarca, Escocia, Polonia, Italia ou Suíza.

A inicios do estado de alarma os sindicatos denunciaron ETTs na Galiza por suspensión de pagos e abandono de traballadoras e traballadores.

Ao longo destes anos, as centrais denunciaron o abuso por parte da patronal de persoal das ETTs en sectores como a automoción, TICs ou servizos, entre outros. 

Comentarios