DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA

Galiza conmemora o Primeiro de Maio na rúa: a loita contra a precariedade e o fin das guerras centran as mobilizacións

A escalada "belicista" que supón o incremento do gasto militar e a necesidade de mellorar as condicións de traballo ante un contexto de "pobreza laboral" centraron as manifestacións polo Día Internacional da Clase Obreira, no que os sindicatos realizaron mobilización en diversos puntos do país.
Manifestación da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Manifestación da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Vilas e cidades da Galiza volveron encherse un ano máis de reivindicacións sociais e laborais con motivo do 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora. O maior sindicato da Galiza en delegadas e delegados e afiliación, a CIG, marchou polas rúas de Vigo con motivo da súa manifestación central, que decorreu baixo o lema 'Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras'.

Ademais, o sindicato convocou outra quincena de mobilizacións en diversos municipios da xeografía galega, concretamente en Ourense, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Coruña, Carballo, Cee, Ferrol, As Pontes, Compostela, Lugo, Cervo, Verín, Pontevedra, A Estrada e A Guarda.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou o aumento do gasto militar e do belicismo "como arma para perpetuar a explotación de clase". Neste sentido, durante a manifestación da central nacionalista escoitáronse consignas como 'Non á guerra, Galiza pola paz' ou 'Así, así, nin un paso atrás. Loita obreira, acción sindical', así como 'Gastos militares, para sanidade'.

Paulo Carril na mobilización da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Paulo Carril na mobilización da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Desta maneira, Paulo Carril criticou as políticas da Unión Europea (UE) e do Goberno español, cun "plan de axuste" con "reformas laborais" que "cronifican a pobreza laboral". "Todo isto combinado cunha situación na Galiza onde o PP practica unhas políticas suicidas contra o pobo galego, coa mercantilización dos servizos públicos", criticou, acusando tamén o Executivo galego de "pór ao dispor dos fondos de investimento" os recursos naturais e a riqueza do país "non para crear emprego e industria, senón para satisfacer os balances económicos e investimentos de quen pretende vir á Galiza a espoliar os recursos".

Precisamente sobre este tema criticou que, a pasada segunda feira, durante o apagamento enerxético, a galega fose unha das últimas autonomías en recuperar a luz, a pesar de fornecer de enerxía gran parte do Estado español. Así mesmo, lamentou que a Xunta da Galiza cedese as súas competencias ao Executivo estatal durante a crise enerxética.

Xornada laboral

A reivindicación de "salarios dignos" e dunha redución da xornada laboral até as 35 horas semanais tamén coparon as mobilizacións do principal sindicato da Galiza, nas que tamén houbo espazo para a solidariedade co pobo palestino e contra o xenocidio que está perpetrando Israel.

Carril cualificou de "fraudulenta" a redución da xornada a 37,5 horas promovida polo Ministerio de Traballo, UXT e CCOO porque "a xornada laboral anual media xa está moi próxima a esta cifra e porque a redución faise no cómputo anual, permitindo a distribución irregular da xornada, o que non garante que as persoas saian antes do traballo". Ao respecto desta cuestión, o secretario xeral da CIG incidiu en que "non estamos ante un verdadeiro novo dereito, e se queremos avanzar en dereitos e recoñecer unha reivindicación histórica do movemento obreiro hai que reducir a xornada a 35 horas semanais".

Manifestación da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Manifestación da CIG en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Este Primeiro de Maio, sinalou tamén o sindicato, enmárcase na campaña que a CIG está a desenvolver desde o inicio deste ano para reclamar "traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos". Celébrase ademais, segundo manifestou a central sindical nacionalista, "nun contexto de profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos, no que o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo para soster un sistema inxusto que é incapaz de xerar desenvolvemento e benestar social, resolver as necesidades básicas da humanidade e ser respectuoso coa natureza".

UXT e COOO

Un ano máis, UXT e CCOO convocaron manifestacións conxuntas nas principais cidades galegas, e ao igual que acto central da CIG, o destas organización tamén foi en Vigo, neste caso co lema 'Protexer o conquistado, gañar futuro'. Deste modo, na mobilización producíronse berros como 'Mocidade con traballo, futuro garantido', 'Queremos respecto e menos decreto', ou tamén 'Vaia merda de salario, gaña todo o empresario'. En todas as manifestacións desteste sindicatos fíxose un chamamento á mobilización en defensa dos dereitos sociais e laborais e en respaldo ao proxecto da UE "como piar de democracia social, convivencia e progreso". 

"Agora máis que nunca, é necesario protexer o conquistado e gañar futuro", resumiu UXT  sobre o escenario actual. Precisamente sobre o "futuro" falou o secretario xeral na Galiza da organización, Cristóbal Medeiros, quen se referiu aos "retos" que ten por diante a clase traballadora, así como á redución da xornada laboral a 37,5 horas, aínda que sería un "pequeno paso" porque "o ideal sería menos".

Tamén se referiu á necesidade de acabar coa sinistralidade laboral ou co problema da vivenda e a endurecer o despedimento. Con todo, puxo o foco na importancia de "defender os logros conquistados", como o salario mínimo e a reforma laboral ou a das pensións. Todo isto debido a que "están en risco" por esas "persoas que queren acabar coa democracia", dixo apuntando ás políticas arancelarias impostas polo presidente dos EUA, Donald Trump, que "poñen en perigo a situación dos traballadores".

Manifestación de UXT e CCOO en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Manifestación de UXT e CCOO en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Na mesma liña falou a súa homóloga de CCOO, Amelia Pérez, que deu valor á loita para "protexer o conquistado" e avanzar cara ao futuro. "Toca xa reducir a xornada. Non vivimos só para traballar", sinalou, criticando tamén cuestións como os "discursos belicistas" e solicitando que prime "a razón e o diálogo".

Outras mobilizacións

A CUT tamén realizou en Vigo e en Compostela as súas propias mobilizacións. Con todo, a convocatoria central desta organización tivo lugar en conxunto coa CXT, coa CNT e co Sindicato da Elevación na cidade da Coruña.

Manifestación de CUT, CXT, coa CNT e co Sindicato da Elevación na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Manifestación de CUT, CXT, coa CNT e co Sindicato da Elevación na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Neste sentido, a CUT fixo un chamamento a toda a clase traballadora a manifestar "alto e claro que a escalada bélica proposta pola OTAN dos EUA e da UE obedece ás ansias do capital de seguir acumulando riquezas", e que isto "nada ten que ver con supostos valores democráticos ou a conquista de dereitos e liberdades", senón "todo o contrario".

"O capitalismo só ten como horizonte a acumulación de capital, e o capital non ten patria, non ten valores e non ten límites na súa avaricia", engadiu a organización nun comunicado. "O único xeito de facer fronte é coa clase traballadora ocupando as rúas con determinación, coa clase traballadora en estado permanente de insubmisión contra a súa avaricia e contra as institucións de gobernos que sustentan esta aldraxe", concluíu a CUT.

Prolegómenos na Alameda compostelá da marcha convocada baixo o lema "1 de maio antifascista". (Foto: Nós Diario)
Prolegómenos na Alameda compostelá da marcha convocada baixo o lema "1 de maio antifascista". (Foto: Nós Diario)

Pola súa parte, baixo o lema '1 de maio antifascista: nin un paso atrás', o sindicato Solidariedade Obreira e os colectivos Ardora, Agama, MpI, Tamborililás, Sete Outeiros, BDS, Calceta Profeta, CSOA Escárnio e maldizer e a Asamblea Internacionalista de Compostela desenvolveron unha manifestación na capital galega.

Comentarios