O BNG defende no Primeiro de Maio "paz e dereitos" para a clase traballadora
Con motivo do 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu a necesidade de reclamar "emprego digno, dereitos e paz" como resposta "urxente fronte á escalada belicista, o aumento do gasto militar en detrimento das políticas sociais e a falta de avances claros en dereitos sociais e laborais".
Rego participou esta quinta feira en Vigo na mobilización da CIG coa comitiva da formación nacionalista integrada, entre outras persoas, polo portavoz municipal do BNG nesa cidade, Xabier Pérez Igrexas, xunto ás deputadas e deputados no Parlamento galego Alexandra Fernández, Carmela González, Brais Ruanova e Paulo Ríos, así como militantes e simpatizantes.
Neste contexto, o BNG denunciou que neste momento "vivimos un momento de fonda crise sistémica, onde o capital intensifica a súa ofensiva contra os dereitos sociais e laborais das maiorías sociais, ao tempo que aposta por unha perigosa escalada militarista promovida polos centros de poder imperialistas, cos Estados Unidos de América á cabeza e coa complicidade da Unión Europea".
Para Rego "é inaceptábel que mentres aumentan as necesidades sociais e a precariedade laboral, o Goberno do Estado decida aumentar de forma exponencial o gasto militar, o que diminuirá os recursos, de forma directa ou indirecta, para políticas sociais como sanidade, educación ou pensións", denuncia.
Crise industrial
No BNG lembran que "o máis grave é que Galiza está a sufrir unha crise industrial xa cronificada e non hai avances claros na recuperación de dereitos sociais e laborais". Neste sentido Rego denunciou que "o Goberno de PSOE-Sumar continúa sen derrogar os elementos máis lesivos da reforma laboral do PP de 2012, a introducir recortes nas pensións, a non cumprir coa Carta Social europea canto a situar o SMI en 60% do salario medio ou a demorar e limitar a redución da xornada laboral".
Pola contra, recordou que o BNG rexistrou unha Proposición de Lei para reducir a xornada a 35 horas semanais, como en Francia. "A redución non pode ficar nunha medida cosmética, senón que debe representar de verdade un avance nos dereitos laborais e de conciliación, mesmo no horizonte da xornada laboral de 32 horas".