De sexta a domingo

A folga en Renfe afectará 30 trens na Galiza na fin de semana

A chamada fin de semana de ‘operación retorno’ contará con 30 comboios menos na Galiza debido á folga en Renfe. Os paros parciais convocados pola Confedración Xeral do Traballo comezan esta sexta feira 30 de agosto e rematarán domingo 1 de setembro.

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Folga en Renfe

Renfe cancelará 30 comboios na Galiza a partir da sexta feira 30 de agosto e até o domingo día 1 de setembro, coincidindo coa chamada ‘operación retorno’ das vacacións. A Confederación Xeral do Traballo convocou paros parciais para estes días e denunciou que "nin o ministerio nin a propia empresa deron sinais de vida" no conflito laboral, despois de que a organización pedise a intervención de Fomento.

Os afectados son 20 trens de media distancia, como o de Vigo Urzáiz-A Coruña das 11,15 horas e o de Valença do Minho-Vigo Guixar das 20,44 horas. 8 son de longo percorrido entre os que se atopa Madrid-A Coruña e A Coruña-Hendaia e 2 deles son os que circularían día 31 de Monforte-Pontevedra e A Coruña-Ferrol

Son as dúas últimas xornadas do calendario de paros parciais que CXT levou a cabo en Renfe este verán, e que implican dous paros diarios, de catro horas cada un, que teñen lugar entre as 12,00 e as 16,00 horas, e entre as 20,00 e as 24,00 horas. Con estas mobilizacións a entidade anarcosindicalista reclama un aumento de persoal paa repartir a carga de traballo.

Tamén denuncia a "imposibilidade" de cumprir o "espírito" da redución da xornada laboral semanal a 37,5 horas pola decisión da empresa de aplicala diariamente, cunha diminución de 17 minutos do tempo de traballo de cada día, no canto de forma acumulada sumando días libres.

Comentarios