Falece un traballador da construción nun accidente laboral en Ribadeo

Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).

G.L.P, de 52 anos, morreu como consecuencia dun golpe sufrido nunha obra.

Un home faleceu esta sexta feira no Hospital de Burela despois de sufrir unha caída cando traballaba nun edificio do concello de Ribadeo, na Mariña.

Segundo informa o 112 Galicia a Europa  Press, a primeira chamada de alerta deuna un particular pasadas as 18 horas, para solicitar asistencia sanitaria para este traballador que levara un golpe na cabeza no número 5 da rúa Buenos Aires.

Seguidamente, a central de emerxencias avisou do ocorrido a Garda Civil e a Policía Local. Foron os corpos de seguridade os que, posteriormente, indicaban ao 112 que se trataba dun posíbel accidente laboral.

Os servizos de  Urxencias Sanitarias-061 desprazados até o lugar practicaron manobras de reanimación e trasladárono aínda con vida até o Hospital de Burela. Con todo, acabou falecendo neste centro sanitario, tal e como confirman a Europa  Press fontes do operativo.

“Cronificación”

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT denunciaban en abril a "cronificación" da sinistralidade laboral na Galiza, que presenta unha das peores cifras do Estado en accidentes e baixas asociadas ao traballo.

Así, inciden en que o país fica á cabeza incidiron nos índices de mortalidade a nivel estatal, con 48 falecementos o pasado ano, unha cifra que previsibelmente se superará este ano, no que se contabilizan xa 29 mortes até o presente mes de abril.