Desconvocada a folga en Denso tras renovar o convenio

As condicións conseguidas polas traballadoras e traballadores consisten nunha suba salarial de 5,5% en tres anos e rotacións de todos os postos de traballo da compañía cada dúas horas.
Concentración de traballadoras e traballadores de Denso (Nós Diario)
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadores de Denso (Nós Diario)

A folga indefinida convocada polo comité de empresa de Denso, compañía do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, quedou desconvocada ao probar a asemblea do cadro de persoal a última proposta da dirección para renovar o convenio colectivo. As condicións conseguidas polas traballadoras e traballadores consisten nunha suba salarial de 5,5% en tres anos e rotacións de todos os postos de traballo da compañía cada dúas horas, ademais de mellorar o sistema de contratación.

O acordo contempla unha suba salarial de 3%, 1,5% e 1% en cada un dos tres anos de duración do convenio (2020, 2021 e 2022) máis un plus consolidado para todo o persoal de 400 euros ao ano. Alén diso, as rotacións de posto, cuxo incumprimento por parte da empresa foi a razón da convocatoria de folga, serán penalizadas no caso de que se sigan sen materializar.

Desta maneira, a compañía deberá incrementar dous minutos cada descanso no caso de non cumprir a medida e este aumento será acumulativo. A rotación inclúe a todo o persoal e terá que facerse cada dúas horas, pasando por todos os postos.

Ademais, a partir de decembro de 2021 o novo convenio contempla a contratación de cinco xefas ou xefes de equipo que despois de levar a cabo este proceso formativo quedarán na empresa para reforzar o cadro de persoal. 

En materia de contratación acordouse modificar 25 contratos para ser indefinidos. Ademais, 70 dos que xestionaban  empresas de traballo temporal (ETT) pasarán a contratación directa por Denso durante un ano con tres días de asuntos propios a maiores.

No convenio conseguiuse pactar un Plan de Igualdade que terá que estar asinado nun prazo máximo de catro meses. A empresa tamén se compromete a reforzar con máis persoal os departamentos de calidade e mantemento.

Comentarios