Denuncian Veolia e Inditex por esquirolaxe

A CIG denuncia que a empresa que traballa para Inditex está a utilizar persoal doutras contratas para realizar os servizos que teñen encomendados as e os traballadores en folga.
Protesta en Arteixo (Nós Diario)
photo_camera Protesta en Arteixo (Foto: Nós Diario)

O persoal da multinacional de servizos Veolia continúa coa folga indefinida que iniciou a pasada segunda feira para exixir a readmisión do compañeiro despedido e na defensa das condicións laborais.

Coa intención de dar maior visibilidade ás súas reivindicacións e apuntar á responsabilidade de Inditex na decisión do despedimento, acordaron concentrarse a diario diante da súa sede da multinacional durante toda a xornada laboral.

Ademais, para mañá, está convocada unha protesta no mesmo lugar, das 14 ás 15.30 horas.

Esta central sindical nacionalista denuncia atrancos para desenvolver a protesta e hoxe presentou unha denuncia na Inspección de Traballo contra Veolia e Inditex por esquirolaxe, “xa que se está a utilizar o persoal doutras contratas para realizar os servizos que teñen encomendados as e os traballadores en folga, vulnerando así o seu dereito fundamental á folga”, segundo informan nun comunicado.

Veolia realiza parte do mantemento da sede de Inditex, das instalacións de Zara Loxística e das súas naves no polígono industrial da Laracha.

O Concello de Arteixo rexeita unha carpa

Desde a CIG aseguran que a policía local de Arteixo lles ordenara retirar as tendas de campaña e a pequena carpa que tiñan montada á beira da entrada da sede da multinacional, e que lles servía de protección contra a choiva, indicándolles que nas protestas non podía haber máis elementos que as persoas.

Ademais, denuncian que o propio concelleiro responsábel entrou no lugar para reafirmarse na prohibición contra os que son, asegura a CIG, "os seus propios veciños e veciñas".

Comentarios