Denuncian que a Fiscalía é "dura" contra traballador@s e "permisiva" coa explotación sexual

A Secretaría da Muller da CIG revólvese contra que se condene con só tres anos a unha persoa acusada de vender a súa parella a un local de prostitución. Os mesmos polos que foron condenados Carlos,Serafín, Ana e Tamara por participaren nun piquete durante unha folga.

cig
photo_camera CIG, CCOO e UGT convocan concentracións o próximo 22M contra a "persecución penal"

A Audiencia de Pontevedra vén de condenar a tres anos de prisión o home que explotou sexualmente a súa parella ao vendela a un local de prostitución. A mesma pena que a imposta por parte do mesmo xulgado contra as traballadoras Ana e Tamara, igual que sucedeu nun tribunal de Vigo con Carlos e Serafín, por teren participado nos catro casos en piquetes informativos durante unha folga laboral.

A Fiscalía actuou para endurecer as penas contra @s traballador@s, pero aplica un atenuante ao explotador sexual

Esta equivalencia provocou unha dura crítica por parte da CIG. A central nacionalista a través da súa Secretaría da Muller denunciou o que cualificaron como "dobre vara de medir" da fiscalía, por "castigar" en igual medida "o engano, retención ilegal, coaccións e explotación dunha muller durante 12 horas diarias e a súa venda por mil euros" que a "quen defende os intereses da clase traballadora dun piquete". 

A actitude "permisiva e covarde" da Fiscalía no caso referido á explotación sexual, nada tivo a ver --segundo apuntan-- coa dureza das súas actuacións contra sindicalistas. Desde a CIG lembran as decisións da Fiscalía de recorrer a suspensión da execución da condena contra Carlos e Serafín até se resolver o seu indulto, ou o recurso presentado por esta contra Ana e Tamara para que se lles aplicase as penas máximas, o que provocou que pasasen de 6 meses a 3 anos de privación de liberdade. En troca, a Fiscalía decidiu aplicar o atenuante de reparación a favor do explotador sexual "polo feito de ter entregado unha contía económica".

"Indigna que se castiga do mesmo xeito as coaccións contra unha muller que foi explotada, que a dúas mulleres e dous homes que exerceron o seu dereito a participar nunha folga para mellorar as súas condicións laborais" conclúen desde a Secretaría da Muller da CIG que dirixe Margarida Corral.

Concentracións contra a persecución sindical

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT convocarán conxuntamente concentracións nas principais localidades de Galiza "ante as actuacións penais desenvolvidas contra os traballadores por supostas actuacións delictivas durante o desenvolvemento de  folgas".

As mobilizacións contra a "persecución penal das liberdades sindicais" terán lugar o próximo 22 de maio diante das delegacións e subdelegacións do Goberno español en Galiza.

Comentarios