Entrevista

Cristóbal Medeiros, novo secretario xeral da UXT na Galiza: "Temos que adaptar o sindicato aos novos tempos"

Cristóbal Medeiros (La Seu d'Urgell, 1986) é o novo secretario xeral da UXT na Galiza. Naceu en Catalunya, onde os seus pais estaban emigrados. Retornaron a Ourense para voltar a emigrar, desta vez a Alemaña e quedando Cristóbal coa súa avoa. Traballa de bombeiro forestal e a súa intención é compatibilizar o cargo co seu traballo. “Esa é a miña intención. Estou seguro de que no verán estarei apagando lumes”, apunta.
UXT
Cristóbal Medeiros, esta quinta feira, no congreso da UXT. (Foto: Arxina)

—​Por que decidiu dar o paso e presentarse a secretario xeral?
José Antonio [Gómez, secretario xeral saínte] anunciou que non repetía, se el seguise eu apoiaríao. O secretario da Federación de Industria e a secretaria da Federación de Servizos Públicos do sindicato falaron comigo e déronme o seu apoio para optar ao posto. Penseino, faleino coa familia e decidín dar o paso. Estou na idade para facer estas cousas. Teño toda a enerxía para asumir esta responsabilidade.

—​Cales van ser as liñas mestras de actuación?
Teño que asentarme e facer un diagnóstico de como está a situación. Hai cousas, moitas, que se están a facer ben e haberá outras que haberá que mudalas, adaptalas a estes novos tempos e os seus retos, que non son poucos. Este é un sindicato histórico, cunha longa historia detrás. Trátase de, a partir de aí, gañar en axilidade e dar un impulso novo ante novos retos e problemas. Temos que adaptar o sindicato aos novos tempos.

—​Que análise fai da situación social e económica da Galiza a día de hoxe?
Na Galiza tristemente seguimos nesa posición que é “á cola de”. Miras os datos de paro, emprego, produtividade... e ficamos atrás. Galiza ten un potencial enorme e non se está aproveitando. Iso pasa factura.

—​No Congreso, o secretario xeral da UXT a nivel de Estado, Pepe Álvarez, posicionouse contra Altri. Que opina vostede?
Partillo o que di Pepe. Apoio para a industria e os postos de traballo que implica? Por suposto, necesitámolos. Mais non a calquera prezo. Hai que respectar o medio ambiente, iso o primeiro. Traballo de bombeiro forestal e sei o que é o cambio climático, que o vivo de perto. Non pode haber proxectos que sexan pan para hoxe e fame para mañá. Se cumpre todos os parámetros, exixencias e requisitos e “non estraga nada”, vale. Mais hai moitas dúbidas sobre isto moitas.

—​Cal cre que debe de ser o papel do sindicalismo na actualidade, sobre todo de cara á xente moza?
Antes había unha cultura sindical maior. A xente máis nova  e as súas dinámicas son distintas. Dígoo eu, que me pasou. Cando acudín a un sindicato? Empecei a traballar de bombeiro forestal na BRIF e eran tres meses ao ano e cun salario moi precario. Tiven claro que esa situación non era xusta, que non se podía vivir así. E entón móveste e acabas no sindicato, pelexando polos teus dereitos e os dereitos dos teus compañeiros e compañeiras. Pero, si, algo hai que corrixir para atraer a xente nova, para que vexan que o sindicato é o que vai estar ao seu carón. 

—​Cal van ser as relacións coas outras forzas sindicais que hai na Galiza?
Son partidario da colaboración e do diálogo. Os sindicatos naceron polo mesmo, defender os traballadores e as traballadoras.

Comentarios